- Configúrase como o maior evento dedicado a iniciativas que apoian a transición enerxética europea.
- A próxima edición, que alcanza a XIV, terá lugar en Bruselas do 17 ao 21 de xuño.
- Algunhas das iniciativas contempladas nesta Semana son a Conferencia Política de tres días, os Premios da Enerxía Sostible e os Energy Days.
Cerceda, a 21 de maio de 2019.- Do 17 ao 21 de xuño, Bruselas acollerá a que será a XIV edición da Semana Europea da Enerxía Sostible (EUSEW), o maior evento dedicado a iniciativas que apoian a transición enerxética europea. Neste marco, e do mesmo xeito que en anos anteriores, a Comisión anima aos proxectos europeos a participar e promover iniciativas que contribúan a enxalzar esta cita.
Algunhas das propostas son, por exemplo, a Conferencia Política de tres días, que terá lugar en Bruselas do 18 ao 20 de xuño, e que conta coa participación de figuras destacadas e un programa diverso de sesións e eventos paralelos orientados a discutir e dar forma ao futuro enerxético de Europa. Unha característica clave desta conferencia é o Networking Village, que ofrece distintas oportunidades para a creación de redes e contactos.
Os Premios de Enerxía Sostible da UE preséntanse durante a Conferencia Política e, a través dos mesmos, recoñécese a innovación sobresaliente en enerxías renovables e eficiencia enerxética, proporcionando unha plataforma para os mellores proxectos europeos neste campo.
Os Días da Enerxía (Energy Days), que terán lugar en toda Europa durante os meses de maio e xuño, están promovidos e organizados por entidades públicas e privadas locais, nutríndose con actividades que promoven a transición cara unha enerxía limpa, sempre que involucren a cidadáns e partes interesadas, mostrando as razóns polas cales a enerxía sostible é importante. A convocatoria de propostas abriuse o pasado mes de xaneiro.
Para os que queiran participar e sumarse á EUSEW 2019, o prazo abrirase o próximo mes de abril, constituíndo unha vía para compartir coñecementos e gañar visibilidade nun evento que congregará a autoridades públicas, axencias da enerxía, asociacións industriais, empresas, organizacións da sociedade civil e distintos medios de comunicación.
Fonte e imaxe: https://www.eusew.eu.
Saúdos, Departamento de Comunicación