- Así o manifestou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, no transcurso da visita que esta mañá fixeron ao Complexo industrial de Cerceda representantes de máis dunha trintena de empresas ambientais adscritas a Viratec
- Durante a súa alocución, fixo especial fincapé nos eixos do novo plan estratéxico da compañía para o período 2024-2030, os proxectos de I+D+i e o aproveitamento da enerxía solar fotovoltaica
Cerceda, a 20 de setembro de 2024.- Representantes de máis dunha trintena de empresas asociadas ao Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (VIRATEC) visitaron esta mañá o Complexo industrial de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer os últimos proxectos da entidade, compartir coñecementos e experiencias e, sobre todo, para buscar sinerxías orientadas cara a unha xestión máis sostible dos residuos en Galicia.
O presidente de Sogama, Javier Domínguez, foi o encargado de explicar a operativa da empresa e a súa infraestrutura, facendo especial fincapé principais eixos do novo plan estratéxico da entidade para o período 2024-2030, e que pivotará sobre a transformación dixital para gañar eficiencia, eficacia e axilidade administrativa; a descarbonización dos procesos, substituíndo o gas natural que alimenta os motores da planta de coxeración por un gas renovable, avanzando ao mesmo tempo nunha maior promoción do transporte de residuos por ferrocarril, situado a día de hoxe no 57%; e a xestión de novas fraccións de residuos, como é o caso do téxtil, prevendo a posta en marcha dunha planta específica para a recuperación deste material.
Domínguez tamén se referiu aos proxectos de I+D+i que a compañía lidera nestes momentos. É o caso de GRESINT, no que participa a firma portuguesa Lipor e a Universidade de Beira, ademais do CITIC e a Universidade da Coruña, estando orientado á incorporación de tecnoloxías intelixentes á xestión de residuos (robotización, intelixencia artificial, etc), así como o proxecto SMMASH, focalizado cara ao desenvolvemento de novos materiais a partir da recuperación de metais contidos nas cinzas e escouras resultantes da valorización enerxética.
Así mesmo, a empresa participa na BF Climatech, a primeira aceleradora ambiental de Galicia, á que Sogama se sumou con dous retos, o desenvolvemento de tecnoloxías que permitan identificar de forma automática e dixitalizada os residuos contidos nas diferentes fraccións e a recuperación e reciclaxe do téxtil contido na bolsa negra.
Respecto da promoción das enerxías renovables, máis aló da obtida a partir dos residuos non reciclables, o presidente de Sogama referiuse á solar fotovoltaica. Concretamente, aos 3.332 paneis colocados no tellado do almacén de CDR (Combustible Derivado de Residuos), e que apoiarán a produción enerxética no complexo cercedense para o propio autoconsumo do mesmo.
Igualmente, destacou que o 50% da enerxía consumida nas plantas de biorresiduos integradas na rede de infraestruturas para a compostaxe da materia orgánica, e situadas en Cervo (Lugo), Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Verín (Ourense), aproveitan a enerxía solar para as súas operacións industriais.
Sobre VIRATEC
Trátase dunha asociación sectorial, á que está adscrita Sogama, que acolle a entidades de múltiples áreas que teñen un obxectivo común: o impulso da sostibilidade ambiental e a economía circular.
A misión desta organización é contribuír ao crecemento do sector ambiental en Galicia, mellorando a competitividade das empresas implicadas no desenvolvemento e a implementación de solucións ambientais e da economía circular, e contribuíndo á transformación do resto dos sectores produtivos cara a un modelo sostible.
Desta forma, fomenta un ecosistema de cooperación entre empresas, xerando sinerxías, promovendo a I+D+i, mellorando a formación e creando oportunidades de internacionalización, ademais de promover a colaboración público-privada para contribuír ao desenvolvemento sostible da comunidade galega.
Saúdos, Departamento de Comunicación