- Promovido por CLUERGAL, terá lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela do 8 ao 10 de outubro, configurándose como un foro de debate e punto de encontro entre os diversos actores
- Para isto nutrirase cun programa de relatorios de alto nivel e unha zona de exposicións na que se mostrarán as mellores solucións
Cerceda, a 7 de outubro de 2024.- Logo do éxito colleitado polas dúas edicións do Simposium Urban Solutions, celebradas en Vigo (2022) e Santiago de Compostela (2023), o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL) promove este ano a celebración de Energy Days 2024, que arrincará mañá, 8 de outubro, na Cidade da Cultura de Santiago (Edificio CINC), e culminará o xoves, día 10, configurándose como un evento de referencia no que se abordarán cuestións de plena actualidade vinculadas a sectores que se atopan en permanente estado de innovación como son a enerxía, a industria e a dixitalización.
A transición enerxética e a transformación dixital están a mudar a nosa sociedade e, por suposto, a nosa industria, o que afecta á estratexia de fabricantes, enxeñarías e empresas de servizos. É por isto que Energy Days pretende ser un foro de debate e punto de encontro entre os diversos actores, e con tal fin nutrirase cun programa de relatorios de alto nivel e unha zona de exposicións na que se mostrarán as mellores solucións. Así mesmo, distintas actividades de networking reforzarán o intercambio de ideas e coñecementos, e a creación de sinerxías.
As sesións de mañá, día 8, centraranse na eficiencia enerxética na industria, os certificados de aforro enerxético, o autoconsumo e comunidades enerxéticas industriais, a mobilidade eléctrica e a infraestrutura de recarga, así como a sostibilidade.
A xornada do mércores 9 introducirase cun seminario de combustibles sostibles, que dará continuidade cunha sesión sobre enerxías renovables, almacenamento e hidróxeno, e outra específica sobre transición enerxética. O xoves 10, o protagonismo recaerá sobre a intelixencia artificial e a dixitalización do sector enerxético.
A asistencia a Energy Days é aberta e gratuíta, previa inscrición.
Toda a información en www.energydays.es
Saúdos, Departamento de Comunicación