
- O colectivo, liderado polo propio presidente da Confederación, Antonio Fontenla, foi atendido polo presidente de Sogama, quen trasladou a súa satisfacción polo interese na actividade desta compañía pública e por elixila como referente en sostibilidade
- Javier Domínguez encargouse de explicar os principais fitos históricos da evolución de Sogama, así coma os proxectos de futuro, que pasan pola transformación dixital, a descarbonización dos procesos, a xestión de novas fraccións de residuos, a maior reciclaxe e a profesionalización do sector, entre outros
Cerceda, a 28 de marzo de 2025.- Portavoces de distintas entidades asociadas á Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) visitaron hoxe o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda e fixéronno no marco dun Encontro, promovido pola propia CEC, centrado na sostibilidade e a economía circular.
O grupo, liderado polo presidente da Confederación, Antonio Fontenla Ramil, foi atendido polo presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Javier Domínguez, quen trasladou a súa satisfacción polo interese en coñecer a actividade desta compañía e por elixila como caso de estudo e referente en sostibilidade.
Domínguez Lino encargouse de explicar a operativa de Sogama aos portavoces das entidades asociadas á CEC, cos que compartiu tamén as problemáticas e limitacións que pesan actualmente sobre o tecido empresarial, incidindo na gran importancia que ten o compromiso co desenvolvemento sostible e a economía circular ante as serias ameazas do cambio climático, a escaseza de recursos naturais e o cambiante e impredicible escenario xeopolítico. Un escenario que, tal e como manifestou “condiciona en gran medida o acceso ás materias primas e tensiona os mercados, creando inestabilidades e temores que ralentizan os investimentos”. Así mesmo, defendeu que “a aposta pola economía circular é unha aposta segura” e que “Galicia non pode nin debe renunciar ao progreso, xa que hoxe cóntase coa tecnoloxía, o coñecemento, a experiencia e, sobre todo, coa responsabilidade necesaria para compatibilizar a actividade empresarial coa protección do medio ambiente e da saúde”.
Fitos e retos de futuro
O máximo responsable de Sogama compartiu co colectivo os fitos máis relevantes da secuencia histórica da Sociedade, destacando, entre outros, a ampliación do complexo cercedense coa incorporación dunha nova planta para a recuperación dos materiais contidos no lixo en masa, e que opera en liña coa industria 4.0; a elección do ferrocarril como medio preferente para o transporte de residuos, que pasou do 25% en 2016 ao 57% actual; e a posta en marcha dunha rede de instalacións para a compostaxe da materia orgánica, conformada por 4 plantas de biorresiduos (unha por provincia) e 13 plantas de transferencia de apoio, destinando a esta rede un investimento de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns procederon dos Fondos FEDER REACT-EU.
Respecto dos retos de futuro, Javier Domínguez fixo fincapé na transformación dixital, a descarbonización dos procesos, a maior reciclaxe, a profesionalización do sector e a xestión de novas fraccións de residuos, como é o téxtil. Neste sentido, precisou que a lei estatal obriga aos concellos a implantar a recollida diferenciada de téxtiles a partir do 1 de xaneiro de 2025 e obriga tamén ás empresas do sector a incorporar unha porcentaxe de fibra reciclada aos seus produtos. É por isto que a Xunta encargou a Sogama a construción e xestión dunha planta de clasificación de téxtiles que dará servizo, tanto aos concellos como ás entidades de economía social, e á que destina un investimento de 25 millóns de euros.
Logo das explicacións, os visitantes tiveron a oportunidade de realizar un percorrido virtual polas distintas instalacións que conforman o Complexo, que foi complementado por un itinerario guiado a pé no que estiveron acompañados pola directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro
Saúdos, Departamento de Comunicación