
- Trala estandarización dos portos de carga, os dispositivos novos que se vendan na UE deben admitir agora a carga USB-C
Cerceda, a 3 de xaneiro de 2025.- A Directiva sobre cargadores comúns da Unión Europea, aprobada polo Consello da UE en outubro de 2022, entrou en vigor o pasado 28 de decembro, despois dun período de transición concedido aos fabricantes para axustar os seus deseños e garantir o cumprimento da norma.
De aplicación a teléfonos móbiles, tabletas, cámaras dixitais, auriculares, cascos, consolas de videoxogos, altofalantes portátiles, lectores electrónicos, teclados, ratos, sistemas de navegación portátiles e auriculares internos vendidos na UE, a partir do 28 de abril de 2026 tamén será de aplicación aos computadores portátiles.
Trala estandarización dos portos de carga, os dispositivos novos que se vendan na UE deben admitir agora a carga USB-C. Isto contribuirá a reducir a cantidade de cargadores que se necesitan comprar e a minimizar os refugallos electrónicos, ademais de simplificar a vida diaria dos europeos.
Algúns beneficios do cargador común:
• Maior comodidade para o consumidor: pode cargar o seu teléfono móbil e outros dispositivos electrónicos similares cun cargador USB-C, independentemente da marca do dispositivo.
• Redución dos residuos electrónicos: os cargadores refugados e sen utilizar representan unhas 11.000 toneladas de residuos electrónicos ao ano. As novas normas fomentan a reutilización dos cargadores, o que axuda a reducir a pegada ambiental.
• Aforro de diñeiro: agora é posible comprar novos dispositivos electrónicos sen cargador, o que permitirá aos consumidores aforrar aproximadamente 250 millóns de euros ao ano en compras innecesarias de cargadores.
• Harmonización da tecnoloxía de carga rápida: novas regras axudan a garantir que a velocidade de carga sexa a mesma cando se utiliza calquera cargador compatible cun dispositivo.
Fonte e imaxe: Comisión Europea