- Contempla para os fabricantes unha serie de obrigacións para ampliar a vida útil dos produtos e evitar a súa eliminación prematura
Cerceda, a 5 de agosto de 2024.- A Directiva sobre normas comúns para fomentar a reparación de bens e promover un consumo máis sostible, entrou en vigor o pasado 30 de xullo, debendo os Estados membros transpoñela ás súas normas nacionais e aplicala a partir do 31 de xullo de 2026.
Enmarcada no Pacto Verde Europeo, ten por obxecto ampliar a vida útil dos produtos de consumo e complementa a Directiva sobre deseño ecolóxico, que será substituída polo Regulamento sobre deseño ecolóxico para produtos sostibles, así como a Directiva sobre o empoderamento dos consumidores na transición ecolóxica, cuxo obxectivo é proporcionarlles unha mellor información sobre a durabilidade e a reparabilidade dos bens no punto de venda.
Obrigación de reparar en prazo e a un prezo razoable
Os fabricantes (por exemplo, de frigoríficos ou teléfonos intelixentes) suxeitos a requisitos de reparabilidade na lexislación da UE, e enumerados no Anexo II da Directiva, deberán reparar os produtos nun prazo de tempo razoable e a un prezo razoable, e terán prohibido utilizar cláusulas contractuais ou técnicas de hardware ou software que impidan a reparación, a menos que estea xustificado por factores lexítimos e obxectivos. Tamén estarán obrigados a proporcionar acceso a pezas de reposto a prezos razoables.
Así mesmo, quedan obrigados a facilitar a consumidores información sobre os seus servizos de reparación de forma facilmente accesible e informar, a través dun sitio web de acceso gratuíto, sobre os prezos indicativos que se cobran polas reparacións habituais.
Neste sentido, facilitarase aos consumidores a identificación de talleres de reparación a través dunha nova Plataforma Europea de Reparación en liña, que se creará como unha estensión do portal “Ti Europa”. Se ben a Comisión será responsable de establecer a infraestrutura informática para esta plataforma, que se prevé entre en funcionamento en 2027, corresponde aos Estados membros definir as condicións e xestionar o rexistro dos talleres de reparación establecidos no seu territorio.
A nova normativa modificou tamén a Directiva sobre compravenda de bens (UE) 2019/771 vixente, ofrecendo aos consumidores un ano adicional de garantía legal se deciden reparar o produto en lugar de substituílo.
Medidas nacionais que promoven a reparación
Os Estados membros deberán adoptar alomenos unha medida para fomentar a reparación no seu territorio, que pode ser tanto financeira como non financeira; é o caso de campañas de información, vales de reparación ou cursos de formación en técnicas de reparación.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pixabay