- Faránno mediante impresión 3D, pudendo fabricalos en apenas uns minutos, tanto nas instalacións portuarias como a bordo dun barco, e ser reutilizados pola propia industria marítima.
- O traballo enmárcase no proxecto europeo CircularSeas, no que participa a Universidade de Vigo en calidade de socio, sendo o seu obxectivo promover a economía verde.
- Financiado con preto de 2 millóns de euros a cargo dos Fondos FEDER, a iniciativa conta coa colaboración da Autoridade Portuaria de Vigo e o IGAPE.
Cerceda, a 17 de marzo de 2020.- Enxeñeiros da Universidade de Vigo utilizarán os residuos plásticos oceánicos para a creación, mediante impresión 3D, de compoñentes ecoinnovadores que poden fabricarse en apenas uns minutos, tanto nas instalacións portuarias como a bordo dun barco, e ser reutilizados pola propia industria marítima.
Con este obxectivo púxose en marcha o proxecto europeo CircularSeas, no que participa, en calidade de socio, o grupo de investigación de Enxeñería de Sistemas e Automática de Uvigo, promovendo así a economía verde.
O traballo, financiado con preto de 2 millóns de euros a cargo dos Fondos FEDER, conta coa colaboración da Autoridade Portuaria de Vigo e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
No proxecto, liderado polo centro de investigación vasco Leartiker, pertencente á Rede Vasca de Ciencia e Tecnoloxía, participan oito socios procedentes de cinco países: España, Francia, Portugal, Reino Unido e Irlanda, cun total seis portos implicados.
Os expertos destacan as grandes expectativas que CircularSeas esperta na industria naval e portuaria, pois, de acaderse os resultados agardados, contribuiríase a mitigar un dos maiores problemas aos que se enfronta na actualidade a sociedade no que se refire á contaminación do mar polos microplásticos.
Nunha primeira fase abordaranse os labores de campo e, unha vez feita a selección de casos de revalorización dos residuos, traballarase na adaptación de impresoras, así coma no desenvolvemento de novos equipos que se axusten aos plásticos e ao proceso de impresión 3D requiridos.
Ao longo dos próximos meses vanse a realizar diferentes talleres temáticos e o congreso de presentación final de resultados celebrarase en Vigo, en marzo de 2022.
Fonte: Universidade de Vigo
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación