- Terá lugar do 31 de agosto ao 5 de setembro e reunirá, vía telemática, a expositores e visitantes.
- Desta forma, facilítase o intercambio de coñecementos e experiencias entre empresas vinculadas ao sector da reciclaxe e clientes.
Cerceda, a 16 de xuño de 2020.- As limitacións impostas pola pandemia do COVID-19 obrigou á cancelación e adiamento de numerosos eventos, congresos e feiras vinculadas a distintos sectores. Non obstante, atopouse na vía dixital unha oportunidade para ofrecer alternativas viables a este tipo de encontros presenciais.
Así, hase gestado eREC, unha nova exposición e conferencia virtual para a industria da reciclaxe que se celebrará do 31 de agosto ao 5 de setembro deste ano en curso. Concíbese como unha plataforma virtual coa que facilitar o intercambio de coñecementos e experiencias entre empresas vinculadas ao sector da reciclaxe e clientes, tendo a oportunidade de presentar os seus novos produtos ou innovacións, xerando novos clientes potenciais.
Cada expositor crea un stand virtual e sobe folletos, vídeos ou material informativo accesible a todos os visitantes. Pola súa banda, os asistentes virtuais poden facer un percorrido por todos os stands, ver os novos produtos e poñerse en contacto coas empresas a través dun chat en directo.
Adicionalmente, cada expositor ten a posibilidade de participar nun amplo programa marco, xa sexa como oínte ou como orador activo. No caso dos visitantes, tamén poden acceder ao mesmo e estar presentes en debates, seminarios web, e entrevistas, que se centrarán en diferentes áreas da industria da reciclaxe.
Fonte e imaxe: Residuos Profesional