- Trátase do I Certame nacional de Artes Plásticas destas características e ao mesmo poden concorrer aqueles artistas, maiores de idade, que realicen obras de pintura, escultura, debuxo, gravado, cerámica, artesanía, orfebrería e fotografía.
- O prazo para a presentación de candidaturas arrincou o pasado 17 de maio, coincidindo coa conmemoración do “Día Mundial da Reciclaxe”, e prolongarase ata o 27 de setembro de 2021.
Cerceda, a 11 de xuño de 2021.- European Recycling Platform (ERP) España puxo en marcha “CirculArt”, o I Certame nacional de Artes Plásticas centrado na sensibilización ambiental, a través da arte e a cultura, na xestión sostible dos residuos urbanos (redución, reutilización e reciclaxe) e o impulso da economía circular.
O prazo para a presentación das candidaturas arrincou o pasado 17 de maio, coincidindo coa conmemoración do “Día Mundial da Reciclaxe”, e prolongarase ata o próximo 27 de setembro.
Aproveitando esta efeméride, ‘CirculArt’, tal e como explicou Laura Alonso, directora xeral de ERP en España, “nace co desexo de converterse nun espazo de referencia para espertar, desde as artes plásticas, unha visión transformadora da sociedade, que impulse un novo modelo acorde con economía circular”.
Nesta primeira edición poden concorrer aqueles artistas, maiores de idade, que realicen obras de pintura, escultura, debuxo, gravado, cerámica, artesanía, orfebrería e fotografía, e que residan nas Comunidades Autónomas de Principado de Asturias, Castela e León, Comunidade de Madrid e Rexión de Murcia.
O certame conta con catro galardóns a escala rexional, dotados cada un deles con 1.500 euros, e dous accésits de carácter honorífico. Ademais, as catro obras gañadoras nas autonomías convocadas para esta edición, optarán ao premio nacional de 3.000 euros, polo que o gañador do certame nacional obterá en premios un total de 4.500 euros.
O concurso celebrarase a través da plataforma dixital mundoarti (https://www.mundoarti.com/). A exposición e entrega de premios terá lugar no Centro Cultural Lope de Vega, en Madrid, entre o 25 de outubro e o 5 de novembro do ano en curso.
O xurado estará integrado por representantes das entidades organizadoras e por persoas de recoñecido prestixio no mundo das artes.
Fonte e imaxe: European Recycling Platform