- No transcurso da mesma puideron ampliar os seus coñecementos na autoxestión da materia orgánica e resolver todas as súas dúbidas
- Así mesmo, amosaron a súa bagaxe na correcta separación dos residuos e o contedor de destino das diferentes tipoloxías; unha práctica esencial para propiciar a súa posterior recuperación
Cerceda, a 4 de abril de 2022.- Tras a adhesión do Concello de Mañón (A Coruña) ao programa de compostaxe doméstica que Sogama lidera en Galicia, o centro educativo tamén quixo sumarse a esta iniciativa e elaborar o seu propio compost cos restos orgánicos procedentes do comedor escolar.
Se anteriormente a veciñanza participante nesta iniciativa xa fora formada na técnica por parte de educadores de Sogama, o pasado 31 de marzo tocoulle a quenda ao CEIP Francisco López Estrada (O Barqueiro), onde explicaron a alumnos e docentes o proceso a seguir para obter un abono natural de alta calidade. Desta forma, detallaron a operativa a seguir desde a propia localización do compostador, que debe estar nunha zona sombreada, protexido das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra, para facilitar a entrada dos microorganismos descomponedores, ata a relación de refugallos que deben e non deben depositarse no mesmo, ademais do necesario control de parámetros que resultan esenciais para obter bos resultados. É o caso do osíxeno, a temperatura e a humidade.
Os pequenos aproveitaron as sesións para consultar as súas dúbidas e corroborar si certas prácticas que estaban a levar a cabo para a valorización da materia orgánica eran correctas.
O compost resultante utilizarase na propia contorna do colexio, pechando así o ciclo de reciclaxe desta fracción, que é maioritaria na composición media dunha bolsa de lixo tipo, toda vez que representa en torno ao 42% do total.
SEPARAR PARA RECICLAR
No ámbito da recollida selectiva de residuos, o nivel dos escolares non puido ser mellor. Coñecían perfectamente os distintos contedores e os refugallos que deben ser depositados en cada un deles para propiciar o seu posterior reciclado.
Son conscientes de que a segregación previa dos residuos en orixe constitúe un paso indispensable para garantir a súa posterior recuperación e transformación en materias primas.
Sen dúbida, as novas xeracións de Mañón teñen moi interiorizadas as vantaxes da economía circular aplicada aos residuos e serán de gran axuda na protección del medio ambiente e a loita contra o cambio climático.
Saúdos, Departamento de Comunicación