- Trátase do CPR Infante Felipe de Borbón, de Salvaterra, o CEIP Nº 2 de Tui e o CEIP de Cruz, de Nigrán, que este curso académico participan no programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
- O obxectivo é inculcar nos pequenos o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e que estes formen parte dos seus hábitos diarios.
- Para que poidan materializar os seus proxectos, Sogama proporcionou a todos os centros participantes os medios materiais e didácticos necesarios.
Cerceda, a 8 de febreiro de 2022.- En días pasados, educadores de Sogama impartiron sesións formativas sobre xestión sostible de residuos no CPR Infante Felipe de Borbón, de Salvaterra do Miño, no CEIP Nº2 de Tui e no CEIP de Cruz, de Nigrán. Os tres participan este curso académico no programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, sendo o seu obxectivo inculcar nos pequenos o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e que estes formen parte dos seus hábitos diarios.
Os tres centros pontevedreses integran a lista dos 24 colexios de toda Galicia seleccionados no seu momento para integrarse nesta iniciativa, a través da cal se pretende visualizar os residuos como recursos nun marco de economía circular, propiciando que os refugallos se valoricen de forma continua para evitar a extracción de materias primas virxes.
MEDIOS MATERIAIS E DIVULGATIVOS
Para que poidan materializar os seus proxectos, Sogama proporcionou a todos os centros participantes os medios materiais e didácticos necesarios. Así, entregou en cada un deles unha illa de reciclaxe, conformada por tres contedores con capacidade para 120 litros (amarelo –envases de plástico, latas e briks-, azul –papel e cartón- e verde –fracción resto-) nos que a comunidade educativa debe depositar os materiais por tipoloxías para propiciar o seu posterior reciclado e, en consecuencia, a súa reincorporación ao circuíto comercial cunha nova vida.
Para apoiar a formación, recibiron, de mans desta compañía pública, diverso material divulgativo como é o caso de folletos en liña, vídeos, presentacións, unidades e guías didácticas, así como xogos, tanto físicos como dixitais. A pretensión é que tamén desenvolvan unha actividade educativa na súa contorna familiar e social máis inmediata, converténdose en verdadeiros prescritores dos tres erres e, polo tanto, da redución de residuos en orixe, da máxima reutilización dos produtos ata esgotar a súa vida útil e da segregación dos mesmos, unha vez convertidos en residuos, para garantir a súa recuperación pola vía da reciclaxe.
PRÓXIMAS VISITAS
Unha vez culminadas as sesións formativas, Sogama realizará novas visitas aos colexios para supervisar os seus traballos e asesoralos respecto a posibles melloras.
Na última delas, que terá lugar o próximo mes de maio, procederá á caracterización dos distintos contedores que conforman as illas de reciclaxe para cuantificar a porcentaxe de propios e impropios en cada un deles, é dicir, aqueles refugallos que deben e non deben ser depositados nos mesmos. O resultado computará na avaliación final de cada centro, xunto coa calidade das memorias presentadas, que deben ser elaboradas en sintonía coas pautas establecidas no “Plan Proxecta” da Xunta.
Saúdos, Departamento de Comunicación