- Os educadores de Sogama impartirán distintas sesións formativas centradas na correcta xestión dos residuos urbanos.
- Incidirase na responsabilidade cidadá a través das boas prácticas representadas pola redución, a reutilización e a reciclaxe, á vez que se explicará a actividade de Sogama en relación ás dúas fraccións de refugallos que se atopan baixo a súa competencia: bolsa amarela e bolsa negra.
- No Complexo Medioambiental de Cerceda, unha vez separados os materiais susceptibles de ser reciclados, a parte restante convértese en enerxía eléctrica, evitando desta forma o seu vertido, a peor das opcións.
Cerceda, a 13 de xaneiro de 2020.- En torno a un cento de escolares do CEIP Raíña Fabiola de Santiago de Compostela serán instruídos por Sogama nos bos xestos ambientais para contribuír á reciclaxe e, polo tanto, á posta en valor dos residuos para a súa conversión en novos produtos, propiciando desta forma un importante aforro de enerxía e materias primas virxes.
Educadores desta empresa pública impartirán mañá, 14 de xaneiro, sesións informativas e formativas neste colexio. Explicarán conceptos básicos tales como a problemática que entraña a elevada xeración de lixo, así como o comportamento a adoptar pola poboación para loitar contra un fenómeno propio da economía lineal como é o de usar e tirar.
O principio europeo dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar) constitúe unha das claves, de aí a importancia de que os cidadáns actúen de forma responsable no consumo, adquirindo unicamente o necesario, que alonguen ao máximo a vida útil dos artigos e, unha vez convertidos en refugallos, que os separen en orixe por tipoloxías e os depositen nos correspondentes contedores habilitados nas vías públicas: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; e verde xenérico, para a fracción resto.
O destino dos residuos especiais ou perigosos debe ser o punto limpo municipal para que sexan entregados a xestores autorizados co fin de que reciban o tratamento axeitado.
ACTIVIDADE DE SOGAMA
Unha vez introducidos os refugallos nos contedores amarelos e xenéricos (as dúas fraccións que se atopan baixo a competencia de Sogama), ambas viaxan por separado ata o Complexo Medioambiental de Cerceda, previo paso pola planta de transferencia de Santiago.
A bolsa amarela procésase na planta de clasificación, onde se separan de forma automáticos os distintos materiais para o seu posterior envío aos centros recicladores.
No caso da bolsa negra, extráese da mesma, a través de tecnoloxías de última xeración, a parte reciclable (aceiro, aluminio, vidro, plásticos, papel e cartón, etc) para enviala á industria transformadora, e o resto transfórmase en electricidade. De feito, coa enerxía producida en Sogama xérase, dunha forma limpia e respectuosa coa contorna, a enerxía equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Ponse así en valor aqueles refugallos que, dadas as súas características, non poden ser reciclados, evitando o seu vertido, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación