- Atendidos por educadores especializados, tiveron a oportunidade de realizar unha visita virtual 360º polas distintas instalacións que conforman o Complexo industrial desta empresa pública, comprobando así a súa operativa
Cerceda, ao 19 de outubro de 2023.- Máis de medio cento de escolares de primaria do CPR Plurilingüe Landro de Viveiro (Lugo) viaxaron ao municipio coruñés de Cerceda para coñecer a actividade de Sogama e profundar na correcta xestión dos residuos municipais.
Atendidos por educadores especializados, recibiron unha charla sobre o labor desta empresa pública e as boas prácticas ambientais a instaurar cada día pola cidadanía para reducir a produción de refugallos, alongar a vida útil dos produtos e separar axeitadamente os materiais para depositalos nos contedores correspondentes, propiciando así o seu posterior reciclado.
A sesión apoiouse con distintos recursos pedagóxicos tales como presentacións, vídeos e xogos, aínda que o máis impactante foi a visita virtual que puideron realizar, con lentes inmersivas 360º, polas plantas que conforman o Complexo industrial a fin de comprobar a xestión que reciben os residuos xerados nos seus fogares.
Este percorrido permitiulles moverse virtualmente polas distintas instalacións e ver a súa operativa con todo luxo de detalle (planta de clasificación de envases, planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, planta de recuperación de residuos en masa, planta de coxeración e planta termoeléctrica). Un circuíto polo que discorren os refugallos co fin de separar os reciclables, que son enviados aos centros recicladores, e acondicionar un combustible a partir da fracción non reciclable, que se transforma en enerxía eléctrica suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.
A xornada culminou nunhas máquinas de videoxogos “Arcade” sobre recollida selectiva, nas que os escolares puxeron a proba o apreso e gozaron, a golpe de mandos e botóns, seleccionando residuos, introducíndoos no seu contedor e transportándoos á planta de tratamento.
Saúdos, Departamento de Comunicación