- Ademais de coñecer a actividade desta empresa pública, efectuaron un percorrido inmersivo polas distintas plantas que integran o complexo medioambiental de Cerceda e puxeron a proba os seus coñecementos a través de distintos soportes lúdicos
Cerceda, a 20 de febreiro de 2024.- Escolares de primaria do CEIP de Maciñeira, pertencente ao Concello de Neda (A Coruña), gozaron dunha xornada de aprendizaxe e xogos na sede Sogama en Cerceda, onde, a través de lentes inmersivos 360º, realizaron unha visita virtual polas instalacións que conforman o Complexo Medioambiental para ver o interior das mesmas, tomar nota da súa operativa e comprender o seu funcionamento.
O grupo destacou pola súa alta participación e interese en coñecer a actividade desta empresa pública, encargada de xestionar os residuos municipais producidos por 295 concellos galegos (máis de 2,2 millóns de habitantes), e tamén en clarificar as súas dúbidas ao redor da separación de residuos en orixe, asumindo o seu rol de verdadeiros embaixadores da reciclaxe.
Así mesmo, transmitiron o seu pleno compromiso coa compostaxe. De feito, no colexio contan cun composteiro que lles permite elaborar abono natural a partir da materia orgánica xerada, pechando o ciclo da súa recuperación ao regresar ao solo en forma de fertilizante.
A visita culminou cunha serie de xogos a través dos cales os pequenos puideron constatar a súa bagaxe na recollida selectiva, destacando o Trash & Furious, unhas máquinas Arcade nas que, ademais de separar residuos, os pequenos puxeron a proba as súas destrezas motoras, nivel de atención e axilidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación