- O CEIP A Gándara de Monforte de Lemos, o CEIP Casás de Lugo e o CEIP de Cervo son 3 dos 24 centros galegos de primaria seleccionados no seu momento para participar no programa educativo “Recíclate con Sogama” 2021-2022
- A fin de que poidan levar a cabo os seus proxectos, esta empresa pública proporcionoulles os medios necesarios, tanto materiais como didácticos e divulgativos
- Sogama, a través do seu servizo educativo, realizará distintas visitas aos colexios, centrando unha delas na caracterización dos contedores que conforman as illas e avaliar así a calidade dos materiais introducidos nos mesmos
Cerceda, a 4 de marzo de 2022.- Escolares do CEIP A Gándara de Monforte de Lemos, o CEIP Casás de Lugo e o CEIP de Cervo, recibiron formación no marco do programa educativo “Recíclate con Sogama” 2021-2022. Son 3 dos 24 centros de primaria seleccionados no seu momento para participar nesta iniciativa, cuxo obxectivo é inculcar nos pequenos as boas prácticas na xestión sostible dos residuos urbanos, prestando especial atención ao principio europeo das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Este programa intégrase no Plan Proxecta da Xunta de Galicia e, no marco do mesmo, os colexios adscritos deben desenvolver un proxecto protagonizado pola reciclaxe cuxos avances serán supervisados por monitores de Sogama a fin de que se resulte produtivo e de utilidade para toda a comunidade educativa.
MEDIOS MATERIAIS E DIDÁCTICOS
Tras un diagnóstico inicial de cada colexio participante, a Sociedade Galega do Medio Ambiente subministrou aos centros os medios materiais e didácticos necesarios para traballar no ámbito da reciclaxe.
Entre os primeiros atópanse as denominadas illas de reciclaxe, conformadas cada unha por tres contedores de recollida selectiva, con capacidade para 120 litros: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; e verde, para a fracción resto ou lixo convencional.
Así mesmo, a aqueles centros que dispoñen de servizo de comedor ou ben que xeran unha cantidade de materia orgánica relevante, e que ademais dispoñen de terreo, entregóuselles un composteiro de 400 litros de capacidade, a través do cal poderán elaborar o seu propio abono, que aplicarán posteriormente na súa horta e/ou xardín, pechando desta forma o seu ciclo de aproveitamento.
Desde a dimensión didáctica e divulgativa, os colexios recibiron carteis e dípticos en liña, xogos, tanto físicos como virtuais, vídeos, presentacións e outros recursos de interese para optimizar os resultados desta iniciativa, xa que, máis aló de seleccionar os residuos nas aulas para posibilitar o seu posterior reciclado, preténdese que os propios escolares sexan os encargados de levar a cabo unha tarefa educativa nos seus fogares e contorna social máis inmediata. Deste xeito, propiciarán que cada vez sexan máis os cidadáns que se sumen á reciclaxe, dados os seus incuestionables beneficios para a protección do medio ambiente a través do aforro de enerxía e materias primas.
SEGUIMENTO IN SITU
Sogama, a través do seu servizo educativo, realizará novas visitas ás escolas, centrando unha delas na caracterización dos contedores que conforman as illas e avaliar así a calidade dos materiais introducidos nos mesmos, cuantificando os elementos propios e impropios (indicadores do grao de acerto ou erro).
Coincidindo co fin de curso, cada centro debe presentar unha memoria do seu proxecto a través da aplicación informática do Plan Proxecta.
Saúdos, Departamento de Comunicación