- Coa colaboración e o asesoramento de educadores de Sogama, parte da mañá de onte dedicáronna a labores de limpeza do areal e recollida de refugallos, que caracterizaron e clasificaron por tipoloxías para depositalos nos distintos contedores de recollida selectiva
- Previamente, os monitores ao servizo desta empresa pública impartiron unha sesión teórica na que se abordou a problemática que representa o lixo mariño e a importancia da colaboración cidadá
Cerceda, a 27 de xullo de 2023.- Uns 70 escolares, con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos, e que este verán participan no “Campus Multideportivo Move-T Co 7 a 9” de Poio (Pontevedra), formaron parte dunha brigada de limpeza, á que se sumaron educadores de Sogama, co obxectivo de recoller residuos na praia de Ostreira, caracterizalos e clasificalos para propiciar a súa posterior recuperación.
En total, recolléronse 50 quilos de refugallos, maioritariamente restos de plásticos e cordas, que foron trasladados a dúas illas de reciclaxe situadas na zona e onde nenos e mozos ían identificando cada residuo co contedor de destino, contando para isto coa colaboración e o asesoramento dos monitores desta empresa pública.
Non obstante, e a fin de garantir que o grupo contase cos coñecementos necesarios sobre a problemática que representa o lixo mariño para os océanos e os seus ecosistemas, dada a súa gran incidencia no turismo, a economía, a alimentación e o medio ambiente en xeral, os educadores impartiron unha sesión teórica previa. Na mesma lembrouse que o 80% dos residuos que acaban no mar proceden de terra, de aí a necesidade de que estes se xestionen correctamente reducindo a súa produción, propiciando a reutilización dos produtos ata esgotar a súa vida útil e clasificándoos por tipoloxías unha vez convertidos refugallos para que poidan ser reciclados, logo do depósito dos mesmos nos diferentes contedores de recollida selectiva.
Falouse tamén da chegada do contedor marrón para a recollida diferenciada da materia orgánica, e que xa se atopa en proceso de implantación en diferentes concellos galegos coa pretensión de que esta se transforme en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo, resultando de gran utilidade no ámbito da agricultura e a xardinería.
Máis aló da práctica deportiva, o Campus de Poio representa unha oportunidade para que pequenos e maiores descubran a importancia de coidar a contorna, que adopten hábitos de vida saudables e que valoren a sostibilidade como garantía de futuro. É por iso que, entre as actividades realizadas, contempláronse excursións por distintos itinerarios naturais e visitas a ecogranxas, sen esquecer a xornada de lecer e recreo que recentemente puideron gozar no Parque Acuático de Cerceda (A Coruña).
Saúdos, Departamento de Comunicación