- Así se desvela nun novo estudo publicado pola Oficina Europea de Patentes (EPO).
- A especialización do noso país en innovación, tanto en reciclaxe como en tecnoloxías de bioplásticos, é superior á media europea.
- O CSIC lidera a innovación española, atopándose a USC entre os principais solicitantes de patentes.
- A reciclaxe química e biolóxica xerou o maior nivel de actividade de patentes no período 2010-2019, duplicando o número de solicitudes de reciclaxe mecánica.
- A área de plásticos alternativos que permite unha reciclaxe máis fácil creceu exponencialmente nos últimos anos, cunha taxa anual do 10% desde 2010.
Cerceda, a 5 de novembro de 2021.- Tal e como se recolle nun novo estudo publicado pola Oficina Europea de Patentes (EPO), e que leva por título “Patentes para os plásticos do mañá: tendencias globais de innovación en reciclaxe, deseño circular e fontes alternativas”, España destaca polo seu alto grao de especialización, tanto na reciclaxe de plásticos como na innovación en bioplásticos, situándose por riba da media europea.
No período 2010-2019, España alcanzou o terceiro grao máis alto de especialización dentro de Europa nas dúas tecnoloxías crave (reciclaxe e bioplásticos). E, dentro da UE, contribuíu con case o 5% de todas as familias de patentes internacionais en bioplásticos e o 4% na reciclaxe de plásticos. As familias de patentes internacionais (IPF) representan “invencións de alto valor” polo que se presentaron solicitudes de patente en dúas ou máis oficinas en todo o mundo.
A USC, ENTRE AS PRINCIPAIS SOLICITANTES DE PATENTES
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) lidera a innovación española tanto en reciclaxe de plásticos como en bioplásticos. Ademais do CSIC, os principais solicitantes de patentes en España en reciclaxe de plásticos son Abengoa, Universitat Politècnica de València, Airbus, Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Gomavial Solutions.
O top 5 en bioplásticos está conformado polo CSIC, a USC, Lipotec, Galenicum Group e Generalitat de Catalunya.
España mostra o maior grao de especialización en "recuperación de residuos" (que forma parte do campo da reciclaxe de plásticos), e, dentro da valorización de residuos, no subcampo "Recolección" (maior grao de especialización en Europa).
INNOVACIÓN EN BIOPLÁSTICOS
Na área dos inventos de bioplásticos, o estudo indica que o sector da saúde ten o maior número de patentes, con máis de 19.000 IPF entre 2010 e 2019, malia representar menos do 3% da demanda total de plásticos en Europa. Pero é o sector dos cosméticos e os deterxentes o que ten a maior proporción de patentes de bioplásticos en relación co total.
A reciclaxe química e biolóxica xerou a maior actividade de patentes, duplicando o número de solicitudes de reciclaxe mecánica. Non obstante, suxírese que Europa, a pesar de ser particularmente activa na investigación fundamental, non está a explotar todo o seu potencial cando se trata de transferir estas tecnoloxías á industria.
INNOVACIÓN EN PLÁSTICOS MÁIS FÁCILES DE RECICLAR
O estudo mostra que a área de plásticos alternativos que permite unha reciclaxe máis fácil creceu exponencialmente nos últimos anos (un 10% anual desde 2010). Estas tecnoloxías teñen aplicacións potenciais nos sectores aeroespacial, da construción, o transporte, as turbinas eólicas e a microelectrónica.
O rápido crecemento das patentes nestes campos está impulsado case na súa totalidade pola innovación nun plástico alternativo chamado unión covalente dinámica, un método que permite deseños novos de materiais plásticos duradeiros capaces de autorrepararse.
Fonte: Retema
Imaxe: Pexels