- Así o asegura un estudo encargado á consultora Virtus por parte de Arpal e a Asociación de Latas de Bebidas.
- Este obxectivo alcanzaríase implantando unha serie de medidas que, ademais, serían economicamente rendibles.
- O alto valor do aluminio permitiría recuperar os investimentos necesarios nuns prazos moi curtos, que se sitúan ao redor de 5 anos.
Cerceda, a 25 de xaneiro de 2021. Os envases de aluminio poden ser reciclados unha e outra vez, constituíndo un claro exemplo de economía circular. Isto permitiulles, en 2019, superar xa o obxectivo establecido pola Unión Europea para 2025 (50%) e prepáranse para alcanzar, e ata superar, o previsto para 2030 (60%).
Un estudo encargado a Virtus por Arpal e a Asociación de Latas de Bebidas, realizado en colaboración con Asplarsem, Aeversu e Ecoembes, asegura que España cumprirá ampliamente con ese obxectivo de reciclado do 60% a través da implantación dunha serie de medidas que, ademais, son rendibles economicamente. O alto valor deste material permitiría recuperar os investimentos necesarios nuns prazos moi curtos, que se sitúan ao redor de 5 anos.
A ferramenta máis eficaz é incrementar e reforzar as campañas de sensibilización para que o cidadán participe de forma activa na recollida selectiva municipal depositando os seus envases e embalaxes de aluminio no contedor amarelo a fin de propiciar o seu posterior reciclado.
Outras medidas identificadas no estudo consisten en modificacións industriais nas plantas de selección de residuos (tanto manuais como automáticas) e de envases lixeiros, así como nas plantas de valorización enerxética.
A ampliación e mellora dos separadores de Foucault existentes nas devanditas instalacións permiten incrementar a recuperación de envases de aluminio, así como obter un retorno económico en prazos que roldan os 5 anos, dependendo do volume de tratamento. Tamén se identifican oportunidades con outras tecnoloxías como os separadores de infrarroxos ou Raios-X.
Evitar o vertido directo dos residuos facendo que estes sexan tratados, ademais dunha esixencia legal, é outro factor que incrementaría a recuperación de envases de aluminio. Isto requiriría a construción de novas plantas ou a ampliación das xa existentes.
Segundo o estudo de Virtus, case 15.000 toneladas de envases domésticos de aluminio poderían recuperarse para o seu reciclado mediante melloras nas instalacións existentes.
Fontes: Arpal (www.aluminio.org) e Asociación de Latas de Bebidas (www.latasdebebidas.org)
Imaxe: Pexels