- O obxectivo desta iniciativa, organizada polo Proxecto Libera, é recoller e caracterizar a basuraleza de 302 puntos de España a fin de coñecer o seu impacto na contorna mariña e liberar os residuos abandonados
Cerceda, a 14 de setembro de 2023.- Este sábado, 16 de setembro, arrinca a sétima edición da campaña ‘1m2 polas praias e os mares’ do Proxecto Libera, promovido por SEO/BirdLife, en alianza con Ecoembes, para recoller e caracterizar a basuraleza de 302 puntos de España.
O obxectivo desta iniciativa, que culminará o día 24 deste mes, é coñecer o impacto do lixo nos espazos naturais, neste caso na contorna mariña, así como liberalos dos residuos abandonados.
Persoas voluntarias de diferentes organizacións, entidades e asociacións uniranse para identificar e analizar o lixo recollido nas distintas localizacións elixidas ao longo da costa española e nos fondos mariños, pretendendo con isto xerar estratexias efectivas que poidan abordar de maneira eficiente este desafío ambiental.
Un estudo levado a cabo por centros de investigación gregos en 2021 conseguiu cifrar en 3.842 toneladas os residuos plásticos que hai flotando no mar Mediterráneo. Tendo en cuenta que soamente o 15% do lixo mariño é capaz de flotar, o 85% restante atópase en forma de microplásticos en suspensión ou nos fondos mariños. Estes datos poden darnos unha idea de cal é o estado de conservación dun dos mares máis representativos do continente europeo.
O uso da app MARNOBA, deseñada pola Asociación de Vertidos Cero e KAI Marine Services, permitirá, como en cada edición, que as persoas voluntarias poidan categorizar os residuos atopados. Ao final da campaña, estes datos uniranse aos máis de 1 millón de obxectos rexistrados por LIBERA desde 2017 no “Barómetro da Basuraleza” e introduciranse na base de datos do MITECO.
Na última campaña rexistráronse 7,1 toneladas de lixo das costas españolas grazas á participación de máis de seis mil persoas voluntarias. A partir desta cantidade, caracterizáronse 62.334 residuos, sendo as cabichas, as pezas de plástico pequenas, as pezas de plásticos grandes, as toalliñas húmidas e as pezas metálicas os obxectos máis atopados en 2022.
Fonte e imaxe: Proxecto Libera