- Non obstante, un informe da consultora AMI estima que, para o final da década, apenas se reciclarán en todo o mundo o 16,5% dos residuos plásticos, o que pon de manifesto as enormes oportunidades que ofrece o sector
Cerceda, a 24 de xaneiro de 2024.- A industria da reciclaxe de plásticos está a converterse en foco de investimentos, adquisicións e expansión, atraendo a novos axentes interesados e afianzando aos xa establecidos.
En 2022, a capacidade de reciclaxe mecánica superou os 54 millóns de toneladas e producíronse máis de 36 millóns de toneladas de plástico reciclado en todo o mundo. AMI Consulting estima que a produción de reciclaxe mecánica alcanzará preto de 55 millóns de toneladas en 2030, o que supón un incremento do 52% respecto dos volumes de 2022. Malia isto, prevese que a taxa mundial real de reciclaxe de plásticos básicos só alcance o 16,5% en 2030, o que pon de manifesto as enormes oportunidades que ofrece o sector.
Aínda que algunhas rexións, como Europa e o noroeste de Asia, están tentando activamente reducir o uso de envases excesivos, o aumento da utilización de plásticos noutras zonas, como África e o subcontinente indio, supera eses esforzos debido en gran medida á urbanización e ao crecemento das clases medias.
En moitas partes do mundo, o sector informal desempeña un papel importante na recollida de residuos postconsumo, centrándose principalmente en botellas e envases, xa que outras aplicacións, especialmente as películas ou os plásticos ríxidos que non son botellas, carecen de suficientes sistemas de recollida. En consecuencia, o PET ten a taxa de reciclaxe máis alta, co 27,1% en 2022, debido principalmente á recollida deste tipo de botellas a través de sistemas formalizados, sistemas de depósito e devolución, así coma o sector informal. A aprobación do PET reciclado (rPET) de grao alimentario tamén está a gañar tracción en países do noroeste de Asia, o sueste asiático e o subcontinente indio, abrindo novas oportunidades para o uso deste material en aplicacións de grao alimentario de maior valor.
A 2ª edición do novo informe de AMI ‘Mechanical Plastics Recycling – The Global Market’, tamén ofrece unha análise detallada da subministración de materias primas, a cadea de valor dos residuos plásticos e as aplicacións finais da reciclaxe, cun exame da posible absorción futura.
Fone: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay