- Este é o lema da reunión internacional, que terá lugar en Estocolmo (Suecia) os días 2 e 3 de xuño de 2022, a través da cal se conmemorará o 50 aniversario da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Humano de 1972, que converteu á acción ambiental nun asunto mundial urxente
- Este evento coincidirá coa semana na que terá lugar o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño), unha conmemoración que, do mesmo xeito que a creación do PNUMA, tamén foi resultado da conferencia de 1972
Cerceda, a 11 de abril de 2022.- "Estocolmo+50, un planeta san para a prosperidade de todos: a nosa responsabilidade, a nosa oportunidade", é o lema da reunión internacional que foi acordada por Resolución da Asemblea Xeral da ONU e que terá lugar en Estocolmo os días 2 e 3 de xuño de 2022.
O encontro conmemorará os 50 anos da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Humano de 1972, que converteu á acción ambiental nun asunto mundial urxente. Á mesma asistiron ao redor de 120 países e os participantes adoptaron unha serie de principios sobre o medio ambiente, entre eles a Declaración de Estocolmo e o Plan de Acción para o Medio Humano. O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) creouse como resultado desta conferencia.
Maurice Strong, secretario xeral do evento de 1972, dixo que a mensaxe que prevaleceu tras o mesmo foi "a comprensión de que o home chegara a un deses puntos fundamentais na súa historia onde as súas actividades son os principais determinantes do seu propio futuro".
MEDIO SÉCULO DESPOIS: TRIPLA CRISE PLANETARIA
Agora, 50 anos despois da reunión de Estocolmo, o mundo enfróntase ás tres crises planetarias que ameazan o seu futuro: o cambio climático, a perda de biodiversidade, e a contaminación e os residuos, así como a outros males que están a afectar á prosperidade e ao benestar de esta e de futuras xeracións.
Un planeta contaminado pon en risco a saúde da humanidade, a prosperidade, a igualdade e a paz, como o mundo viu con demasiada claridade durante a pandemia da COVID-19. Un planeta que non estea san tamén pon baixo ameaza o cumprimento dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible).
O secretario xeral da ONU, António Guterres, describiu a tripla emerxencia planetaria como "a principal ameaza contra a nosa existencia", ameaza que precisa "un esforzo urxente e total para cambiar o curso das cousas".
Suecia será o anfitrión de Estocolmo+50, co apoio de Kenia, e este evento coincidirá coa semana na que terá lugar o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño), unha conmemoración que tamén foi resultado da conferencia de 1972.
O encontro Estocolmo+50 terá un carácter colaborativo e estará aberto para que todos os participantes poidan compartir experiencias e iniciativas para protexer o planeta e contribuír ao desenvolvemento sostible e inclusivo, contemplando tamén unha recuperación sostible da pandemia da COVID-19.
Páxina oficial: www. stockholm50.global/
Fonte: UNEP