- O concello decidiu adscribirse ao programa de compostaxe doméstica promovido por esta entidade pública a finde incrementar as súas taxas de reciclaxe, incluíndo a fracción orgánica contida nos residuos.
- Os composteiros a distribuír, de 390 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil.
- As vivendas que os acollerán deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante.
- Con esta iniciativa, o ente local pretende lograr importantes beneficios ambientais, económicos e sociais para o conxunto dos veciños e avanzar cara a un modelo de desenvolvemento local definido pola economía circular.
Cerceda, a 20 de febreiro de 2020.- No marco da estratexia de economía circular e os esixentes obxectivos europeos en materia de reciclaxe, o concello pontevedrés de A Estrada dará un salto cualtitativo e cuantitativo na xestión dos residuos urbanos producidos no seu termo municipal a través da implantación dun ambicioso programa de compostaxe doméstica que chegará a 350 fogares.
Así o manifestou hoxe o alcalde, José Carlos López Campos, no acto de presentación desta iniciativa, no que estivo acompañado polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino.
O concello evidencia desta forma o seu compromiso coa recuperación de residuos no seu conxunto e coa reciclaxe da materia orgánica en particular, toda vez que esta representa o 42% dunha bolsa de lixo tipo.
Ao reciclar esta fracción en orixe e devolvela á terra en forma de compost, non só permitirá á Estrada alcanzar importantes beneficios ambientais, senón tamén económicos, ao reducir as cantidades de refugallos entregadas a Sogama para o seu tratamento final, e mesmo sociais, xa que se minoran os desprazamentos que a poboación rural debe facer aos distintos contedores de recollida selectiva, xa que os envases e o papel/cartón poden almacenarse varios días nos fogares sen risco de cheiros.
As vivendas que se acollerán a esta iniciativa deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o abono resultante, propiciando desta forma que se peche o ciclo de recuperación da materia orgánica.
Os 350 composteiros subministrados por Sogama teñen capacidade para 390 litros e están fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil.
A fin de garantir o éxito deste programa, os participantes recibirán varios cursos de formación presenciais impartidos por técnicos desta compañía, en coordinación co concello, e serán obsequiados con manuais didácticos de apoio que lles servirán de punto de referencia para solventar posibles dúbidas que poidan xurdir á hora de aplicar a técnica e controlar parámetros tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura da mestura.
Adicionalmente, os usuarios teñen á súa disposición un sitito web específico www.compostaconsogama.gal, a través do cal poderán acceder a recursos divulgativos de interese co fin de enriquecer os seus coñecementos na práctica da autocompostaxe, con gran arraigo no rural galego.
Con este programa, o goberno de A Estrada pretende dar un paso máis cara a un modelo de desenvolvemento definido pola economía circular na que cobre protagonismo o crecemento sostible e a eficiencia na xestión.
Saúdos, Departamento de Comunicación