- As sesións celebráronse a principios desta mesma semana e os destinatarios mostraron un gran interese nas temáticas abordadas, destacando pola súa alta participación, achegas e sensibilidade ambiental
- No transcurso das charlas explicáronse os pormenores do modelo Sogama, a problemática asociada ao desperdicio alimentario e solucións, así como as bondades da compostaxe, tanto doméstica como industrial, para os restos de alimentos non comestibles
Cerceda, a 8 de abril de 2022.- Esta semana, técnicos de Sogama, a petición do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, impartiron sesións formativas neste centro, estando dirixidas a estudantes do ciclo de cociña, que mostraron un gran interese nas temáticas abordadas, destacando pola súa alta participación, achegas e sensibilidade ambiental.
No transcurso das charlas, explicouse o labor de Sogama, que xestiona e trata os residuos urbanos producidos na meirande parte da comunidade a través dun modelo que prioriza a reciclaxe e que desvía a valorización enerxética a fracción non reciclable, evitando o seu depósito en vertedoiro, a opción máis nociva para o medio ambiente e a saúde.
A día de hoxe, a Sociedade pública conta con 295 concellos adheridos (máis de 2.240.000 habitantes) e dispón dunha infraestrutura industrial conformada por un Complexo Medioambiental, localizado en Cerceda (A Coruña), unha rede de 37 plantas de transferencia distribuídas estratexicamente polo territorio galego e un vertedoiro de cola para acoller aqueles refugallos que, dadas as súas características, non se poden reciclar nin valorizar enerxeticamente e que, grazas ao incremento da capacidade do Complexo, viu reducida a súa actividade en máis dun 98%.
DESPERDICIO ALIMENTARIO
Dado o perfil do alumnado, abordouse a gran problemática da perda e o desperdicio alimentario, que alcanza un terzo do produción de alimentos no mundo para o consumo humano, tendo lugar as perdas nas distintas etapas da cadea: cultivo, transporte, distribución e consumo final.
Neste sentido, cabe destacar as sucesivas campañas que Sogama vén desenvolvendo para evitar que a comida acabe no cubo do lixo, insistindo para iso na necesidade de facer unha lista da compra e seguila fielmente, revisar a despensa e a neveira para consumir antes os produtos perecedoiros, diferenciar entre data de caducidade (momento a partir do cal o artigo pode afectar á saúde) e data de consumo preferente (momento a partir do cal perde cualidades tales como olor, sabor, textura, etc, pero sen representar unha ameaza para a saúde), axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para elaborar novos menús.
COMPOSTAXE DOMÉSTICA E INDUSTRIAL
E para os restos de alimentos non comestibles, queda a opción da compostaxe, tanto doméstica como industrial.
Sogama lidera en Galicia un programa de autocompostaxe no marco do cal repartiu de forma gratuíta máis de 18.300 composteiros. No caso da provincia de Pontevedra están adheridas a esta iniciativa 119 entidades (46 concellos, 65 centros educativos e 8 colectivos sociais), ás que se dotou con 6.200 composteiros e outros tantos manuais didácticos, e ásque se ofertaron distintos cursos de formación para explicarlles con detalle a técnica a aplicar e o protocolo para seguir para obter un compost de alta calidade.
Pola súa banda, a rede de compostaxe industrial, na que está a traballar Sogama, contempla 17 instalacións (4 plantas de biorresiduos -entre estas a de Vilanova de Arousa-) e 13 plantas de transferencia que contarán cunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica.
O obxectivo é que a práctica totalidade dos concellos adscritos a Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia. A colaboración dos cidadáns materializarase a través da achega dos residuos orgánicos ao contedor marrón, que os concellos deben implantar antes do 31 de decembro de 2023.
Saúdos, Departamento de Comunicación