- O CIFP Ánxel Casal da Coruña e o CIFP A Carballeira de Ourense visitaron recentemente o complexo industrial de Cerceda
- O alumnado de ambos centros tivo tamén a oportunidade de realizar un percorrido virtual polas distintas plantas que conforman a infraestrutura cercedense
Cerceda, a 8 de febreiro de 2024.- Estudantes do Ciclo Superior de Química e Saúde Ambiental pertencentes ao CIFP A Carballeira de Ourense e ao CIFP Ánxel Casal da Coruña, desprazáronse recentemente ao Complexo industrial de Sogama en Cerceda para coñecer in situ as rigorosas medidas de protección ambiental aplicadas por esta empresa pública para que a súa actividade se desenvolva desde o máximo respecto á contorna e á saúde das persoas.
En ambos os dous casos tiveron a oportunidade de experimentar a visita virtual polas distintas instalacións que conforman esta infraestrutura. Equipados con lentes inmersivos 360º, desprazáronse, sen moverse do sitio, pola planta de clasificación, onde se reciben os envases de plástico, as latas e os briks depositados polos cidadáns no contedor amarelo para ser separados por tipoloxías e remitidos aos centros recicladores. Acto seguido transitaron pola planta de elaboración de combustible e a planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, onde viron como se selecciona, a través de tecnoloxías de última xeración, os materiais susceptibles de ser reciclados para ser remitidos á industria transformadora, á vez que comprobaron como se acondiciona un combustible CDR coa parte non reciclable para ser valorizado enerxeticamente nunha planta termoeléctrica, onde se produce a enerxía suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Técnicos ao servizo de Sogama explicaron o protocolo de protección ambiental instaurado pola empresa, así coma os controis que se fan de forma permanente para garantir que todos os parámetros estean moi por debaixo dos límites legais.
O contedor marrón
Tamén se lles proporcionou información sobre a nova rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo, tendo construído Sogama, por encargo da Xunta, 4 plantas de biorresiduos -unha por provincia- (Cerceda, na Coruña; Cervo, en Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense), que están apoiadas por 13 plantas de transferencia ás que se dotou cunha tolva específica para o transvasamento dos residuos orgánicos recollidos de forma diferenciada a través do contedor marrón.
Igualmente, falouse do programa de compostaxe doméstica de Sogama, ao que están adheridas 459 entidades (entre concellos, centros educativos e colectivos sociais), tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuíta, máis de 21.400 compostadores. Propíciase así a recuperación dunha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación de restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente.
Saúdos, Departamento de Comunicación