- Durante a súa visita ao Complexo cercedense, puideron descubrir todo un mundo de automatismos que interveñen na operativa desta infraestrutura, especialmente no caso da planta de recuperación de materiais, que funciona con tecnoloxía 4.0.
Cerceda, a 18 de novembro de 2024.- Más dunha trintena de estudantes do CIFP Universidade Laboral de Culleredo (A Coruña), concretamente do Ciclo Superior de Automatización e Robótica Industrial, reforzaron e complementaron os seus coñecementos neste ámbito durante unha visita realizada ao Complexo Medioambiental de Sogama, onde puideron descubrir todo un mundo de automatismos que interveñen na operativa desta infraestrutura, especialmente no caso da planta de recuperación de materiais, que funciona con tecnoloxía 4.0.
Durante o percorrido guiado polas distintas instalacións, o profesorado, que mostrou moito interese no funcionamento do conxunto da maquinaria, aproveitou a ocasión para explicar aos alumnos distintos conceptos vinculados á robótica, así como as súas funcionalidades e aplicacións no ámbito da xestión dos residuos.
Os mozos tiveron a oportunidade de ver in situ a planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, onde se separan por tipoloxías os residuos susceptibles de ser reciclados, utilizando para isto mecanismos tales como lectores ópticos, electroimáns, ciclóns aspiradores, mesas densimétricas e correntes de Foucault, entre outros. A parte non reciclable transfórmase en electricidade nunha planta termoeléctrica con capacidade instalada para 50 MW, incorporándose á rede.
Con máis de 60 anos de vida, o CIFP Universidade Laboral atesoura unha ampla oferta formativa, incluíndo tamén o campo marítimo, electricidade, eficiencia enerxética, deporte etc.
Saúdos, Departamento de comunicación