-
Logo dunha sesión formativa impartida por educadores ambientais, o grupo tivo a oportunidade de realizar unha visita virtual polas distintas instalacións que conforman a infraestrutura cercedense
-
Durante o coloquio, manifestaron que no seu concello estase a introducir o contedor marrón e que xa participan activamente na separación da materia orgánica en orixe para que poida ser compostada
Cerceda, a 3 de maio de 2024.- Un grupo de escolares de 2º de ESO do IES Monte Carrasco de Cangas (Pontevedra) desprazáronse ao municipio coruñés de Cerceda para coñecer a operativa do Complexo Medioambiental de Sogama, onde se reciben os residuos procedentes de 295 concellos, entre os que se atopan os da área do Morrazo, para ser tratados conforme ás súas características.
Logo dunha sesión formativa impartida por educadores ambientais, o grupo tivo a oportunidade de realizar unha visita virtual polas distintas instalacións que conforman a infraestrutura cercedense. Equipados con lentes inmersivas 360º, comezaron o seu itinerario virtual pola planta de clasificación de envases, onde se recibe a denominada bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), recollida a través do contedor do mesma cor, para separar os materiais por tipoloxías e remitilos aos correspondentes centros recicladores.
Acto seguido adentráronse no tratamento da bolsa negra (fracción resto recollida a través do contedor xenérico), desprazándose polos distintos recunchos da planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa e a propia de elaboración de combustible. Na primeira, que opera en liña coa industria 4.0, sepáranse, a través de tecnoloxías de última xeración, aqueles residuos susceptiblees de ser reciclados, malia ter sido incorrectamente depositados polos cidadáns no contedor convencional. É o caso do vidro, plástico duro e fino, plástico mestura, PET, envases de aceiro e aluminio, etc, que son transportados á industria transformadora para ser convertidos en novos produtos. Coa parte non reciclable acondiciónase un combustible CDR, que alimenta as caldeiras da planta termoeléctrica para producir electricidade suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Coloquio e xogos
Durante a xornada reservouse un tempo de coloquio para que os mozos, moi atentos e participativos en todo momento, puidesen trasladar os seus comentarios e observacións, manifestando ao respecto que no seu concello estase a introducir o contedor marrón e que xa participan activamente na separación da materia orgánica en orixe para que poida ser compostada.
O broche da visita puxéronno as máquinas de xogos arcade Trash & Furious, nas que competiron por parellas, evidenciando o seu pleno dominio da recollida selectiva de residuos, ademais de poñer a proba as súas destrezas (concentración, axilidade, rapidez).
Antes de partir, percorreron en bus o Complexo industrial, que ocupa unha superficie de 65 hectáreas, para tomar nota das súas dimensións e magnitude.
Saúdos, Departamento de Comunicación