- O grupo estaba conformado por alumnos/as de 4º de ESO e Bacharelato, así coma do Ciclo Superior de Química e Saúde Ambiental, moi interesados en dispoñer de información sobre as tecnoloxías e procesos de control ambiental empregados por esta empresa pública
- Todos eles manifestaron quedar impresionados coa magnitude da infraestrutura industrial, a tecnoloxía e a elevada cantidade de residuos que cada día trata a compañía nas súas instalacións: entre 2 e 3 millóns de quilos.
Cerceda, a 20 de decembro de 2024. – Un grupo de estudantes e docentes do IES Monte Castelo de Burela (Lugo), desprazáronse onte ao municipio coruñés de Cerceda para coñecer in situ o tratamento que Sogama dispensa aos residuos urbanos producidos polos 295 concellos adheridos ao seu modelo (a meirande parte de Galicia).
O colectivo estaba integrado por alumnos/as de 4º de ESO e Bacharelato, así coma do Ciclo Superior de Química e Saúde Ambiental, moi interesados en dispoñer de información sobre as tecnoloxías e procesos de control ambiental instaurados pola empresa pública para garantir que a súa actividade se desenvolva de forma respectuosa coa contorna e a saúde das persoas.
Durante a xornada, tiveron a oportunidade de experimentar unha visita virtual polas distintas plantas que conforman o Complexo Medioambiental cercedense. Equipados con lentes inmersivos 360º, efectuaron o percorrido dunha bolsa de lixo tipo: desde que chega a Sogama ata que se extraen da mesma os elementos susceptibles de ser reciclados, valorizando enerxeticamente, é dicir, convertendo en electricidade, a fracción resto (non reciclable). Desta forma, a empresa propicia que os residuos se convertan en recursos e que, ademais, se minimice a cantidade de lixo depositado en vertedoiro, considerado pola lexislación vixente como a opción máis contaminante e nociva para medio ambiente.
O itinerario virtual complementouse con presentacións e explicacións proporcionadas polos técnicos de Sogama, así coma con xogos que permitiron aos visitantes poñer a proba o apreso e mesmo competir entre eles a nivel de coñecementos e habilidades.
No coloquio final, reservado para observacións, dúbidas e preguntas, manifestaron quedar impresionados coa magnitude da infraestrutura industrial, a tecnoloxía e a elevada cantidade de residuos que cada día trata Sogama: entre 2 e 3 millóns de quilos, dependendo da época do ano e a estacionalidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación