- Tres grupos de investigación da Universidade de Córdoba (UCO) analizan conxuntamente a viabilidade de usar lodo de granito para substituír os áridos convencionais en mortero autocompactante, reducindo así o impacto ambiental do sector da construción.
Cerceda, a 2 de setembro de 2020.- A produción de granito, que en 2013 alcanzou en España as 614.000 toneladas, orixina unha serie de residuos cuxa xestión resulta dificultosa. É o caso do lodo de granito, material resultante da mestura entre as partículas de po que solta a pedra durante o corte e a auga que se usa para refrixerar a folla de corte.
Cando o lodo de granito se deposita en vertedoiro e a auga se evapora, o po de silicio que queda pasa á atmosfera co risco de ser inhalado; circunstancia que trae consigo negativas consecuencias para a saúde, podendo intervir tamén na mecánica normal do solo.
Co obxectivo de solventar esta problemática, tres grupos de investigación da Universidade de Córdoba (UCO) analizan conxuntamente a viabilidade de usar lodo de granito para substituír os áridos convencionais en mortero autocompactante. A investigación foi publicada na revista Construction and Building Materials.
A investigadora principal do estudo Angélica Lozano, do grupo de Enxeñaría da Construción da UCO, explica que “é posible substituír os áridos convencionais por lodo de granito ata nun 40%, mantendo as calidades de durabilidade, resistencia e compactación do mortero”.
Con este traballo de sinerxía entre os grupos de “Enxeñaría da construción”, “Materiais e aplicacións” e “Física de plasma, diagnose, modelos e aplicacións”, conséguense dous obxectivos: a xestión dun residuo prexudicial para a saúde e a sostibilidade medioambiental do formigón autocompactante, un dos materiais máis valorados na actualidade no sector da construción.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay