- Trátase de Model2bio, enmarcado no programa Horizonte 2020 e coordinado polo Centro Tecnolóxico CEIT.
- A análise técnica inclúe a selección da industria idónea para reutilizar os residuos, así como a rendibilidade económica.
- Os resultados e solucións xeradas por esta iniciativa terán unha gran repercusión ambiental, toda vez que a metade dos refugallos globais que se xeran no mundo proveñen da industria agroalimentaria.
Cerceda, a 4 de xuño de 2020.- O proxecto europeo Model2bio, coordinado por CEIT, á súa vez membro de Basque Research and Technology Alliance (BRTA), investiga a creación dunha ferramenta capaz de predecir e outorgar unha segunda utilidade aos residuos da industria agroalimentaria a fin de reutilizalos e/ou reciclalos.
O estudo oriéntase cara á creación dun modelado matemático predictivo que estime a utilidade de cada residuo alimentario. A análise técnica inclúe a selección da industria idónea para este fin, así como a rendibilidade económica. Teranse en conta, entre outros factores, a composición química e as características físicas dos fluxos residuais agroalimentarios, a mellor ruta de valorización dos mesmos e o seu potencial para a recuperación de recursos e enerxía, así como tamén a estacionalidade e ubicación xeográfica.
O proxecto, cunha duración de tres anos e financiado pola iniciativa Bio-Based industries Joint Undertaking (BBI JU) do Programa Horizonte 2020, conta coa participación de empresas industriais, centros tecnolóxicos, universidades e distintas organizacións que outorgarán unha visión heteroxénea e complementaria. O proceso de investigación inclúe a proba e validación de industrias cárnicas, vexetais, lácteas e de bebidas en España, Bélxica, Países Baixos e Grecia.
Os resultados e solucións xeradas por esta iniciativa terán unha gran repercusión ambiental, toda vez que a metade dos residuos globais que se xeran no mundo proveñen da industria agroalimentaria (3 millóns de toneladas/día). A súa inclusión nun proceso de economía circular constitúe un dos grandes retos de ámbito mundial, estando alineado co obxectivo europeo de reducir significativamente a cantidade de biorresiduos enviados aos vertedoiros.
Fonte: CEIT
Imaxe: Pixabay