- Así o manifestou en Radio Voz Juan Ramón Meléndez, director xeral da Asociación de Latas de Bebidas, quen detallou todas as cualidades dun envase icónico que cumpre 85 espléndidos anos.
- Tal e como sinalou, co paso do tempo a lata gañou lixeireza, comodidade e atractivo, á vez que a súa reciclaxe avanza a bo ritmo. En España, a taxa de reciclado deste material sitúase no 86%, pero a aspiración do sector é chegar ao 100%.
Cerceda, a 15 de abril de 2020.- A lata cumpre 85 anos e, lonxe de envellecer, foi rexuvenecendo a pasos axigantados. Naceu en 1935, en Estados Unidos. Unha empresa de cervexas foi a que decidiu lanzar a idea, converténdoa entón nun envase novidoso. Nas súas orixes, o peso da lata era considerable e a apertura da mesma efectuábase co tradicional abrelatas. Pero, aos poucos, este envase foise adaptando a unha sociedade en constante evolución que esixía máis comodidade e atractivo. A día de hoxe, a lata pesa a sexta parte do que marcaba en 1935. Cos seus apenas 12,5 gramos, destaca pola súa lixeireza e facilidade de apertura e, por se isto fose pouco, a lata é capaz de soportar unha gran presión. Tanto é así que, tal como explicou en Radio Voz Juan Ramón Meléndez, director xeral da Asociación de Latas de Bebidas, un coche pequeno pode apoiarse sobre catro latas (unha por cada roda).
Así mesmo, a estética deste icónico envase cambiou substancialmente, facéndose especialmente visible nos lineais dos supermercados. No transcurso dos próximos anos, tal e como avanzou Meléndez, iranse constatando máis progresos. Por exemplo, latas que se poden volver a pechar e introducilas no bolso sen risco de derrame.
O director xeral desta asociación abundou no feito de que se trata dun envase moi eficiente e moi ben pensado, constituíndo todo un exemplo de sostibilidade dada a súa eterna reciclabilidade. Tanto é así que o 80% de todo o metal extraído pola humanidade segue estando hoxe en uso.
A reciclaxe de latas de bebidas tamén avanza a bo ritmo. En España, a taxa de reccuperación deste material sitúase no 86%, pero, tal e como indicou Juan Ramón Meléndez, “aspiramos a chegar ao 100%”. Recordou que as latas, tanto de bebidas como de refrescos e de conservas, deben introducirse no contedor amarelo para asegurar o seu correcto reciclado. “Desde que a depositamos neste recipiente ata que se transforma nun novo produto, non transcorren máis de dous meses”. É por iso que “o principal xacemento para fabricar novas latas de aluminio non está nin en África nin en ningunha mina, senón nos residuos dos nosos municipios. Aproveitémolo”, subliñou.
SOBRE A ASOCIACIÓN DE LATAS DE BEBIDAS
Esta organización agrupa a todas as empresas que fabrican latas de bebidas para que estes produtos cheguen aos consumidores e forma parte de Metal Packaging Europe, entidade que aglutina ao sector do envase metálico en Europa.
Con motivo do 85 aniversario da lata de bebidas, a Asociación promove, coa colaboración dunha Asociación de Consumidores, unha exposición itinerante a nivel nacional coa que se pretende achegar a historia da lata aos cidadáns.
Saúdos, Departamento de Comunicación