
- A confederación europea da reciclaxe reclama obxectivos obrigatorios de contido reciclado para impulsar a demanda interna de materias primas
Cerceda, a 11 de marzo de 2025.- A confederación europea da reciclaxe, EuRIC, vén de publicar o seu plan de acción de economía circular para os metais reciclados co fin de orientar os debates sobre o futuro da industria siderúrxica a través do prisma da descarbonización e a circularidade.
O plan de acción destaca os principais obstáculos que frean o sector da reciclaxe de metais en Europa: o estancamento da demanda interna de metais reciclados, as metodoloxías sesgadas para definir os produtos ecolóxicos, a menor atención aos recicladores en políticas clave como o Acordo Industrial Limpo e a falta de representación dos recicladores na gobernanza dos sistemas de responsabilidade ampliada do produtor (RAP). «Estas barreiras afogan os investimentos e limitan a capacidade de Europa para xerar os seus propios recursos nun momento en que a UE-27 segue atrapada na dependencia das subministracións de terceiros países», afirma a organización.
Para converter os retos en oportunidades, o plan de acción de EuRIC avoga por abordar a demanda interna mediante obxectivos obrigatorios de contido reciclado e preservar o comercio aberto e libre como contrapartida necesaria, á vez que se recoñece de forma práctica e efectiva a reciclaxe como industria estratéxica. Insta aos responsables políticos a integrar plenamente os principios da economía circular na lexislación actual e futura da UE e a establecer un foro ad hoc para facilitar o diálogo en toda a cadea de valor dos metais.
Mentres a UE trata de trazar un camiño para o futuro da industria metalúrxica e crear resiliencia en todas as cadeas de subministración, os recicladores da UE continúan a ser un socio crave para lograr unha Europa circular, competitiva e autosuficiente. Por iso, EuRIC insta aos responsables políticos da UE a que actúen con rapidez e colaboren estreitamente co sector da reciclaxe para converter as ambicións políticas en resultados tanxibles.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay