- O uso de chatarra de aceiro, cobre ou aluminio reciclado aforra respectivamente un 58%, 65% e 92% de CO2 en comparación coas materias primas extraídas.
Cerceda, a 21 de xullo de 2021.- EuRIC (Confederación Europea de Industrias da Reciclaxe) acolle con satisfacción a publicación do paquete Fit for 55, toda vez que contempla a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) en, alomenos, un 55% por baixo dos niveis de 1990 para 2030, así como alcanzar a neutralidade climática para 2050.
A xuízo desta organización, a substitución de materias primas extraídas por Materias Primas de Reciclaxe (RMR) aforra enormes cantidades de GEI e enerxía, ademais de ser intrinsecamente eficiente no uso de recursos. De feito, a utilización de chatarra de aceiro, cobre ou aluminio reciclado aforra respectivamente un 58%, 65% e 92% de CO2 en comparación coas materias primas extraídas.
Para exemplificar a magnitude destes datos, cabe sinalar que, en 2018, o uso de 93,8 millóns de toneladas de chatarra reciclada na fabricación de aceiro, permitiu aforrar 157 millóns de toneladas de CO2, cantidade equivalente ás emisións liberadas polo tráfico de automóbiles en Francia, Gran Bretaña e Bélxica en conxunto.
Para Cinzia Vezzosi, Presidenta de EuRIC, “A política climática e a economía circular van da man. Os recicladores agardan da implementación do Paquete Fit for 55 un alto nivel de ambición vinculado ao Sistema de Comercio de Emisións da UE ( ETS) e ao Mecanismo de Axuste de Fronteiras de Carbono (CBAM) para apoiar investimentos en cadeas de valor industriais circulares e climáticamente neutrais. Dado que só o 12% das materias primas utilizadas pola industria europea proveñen da reciclaxe, necesítanse con urxencia incentivos fortes como o contido reciclado obrigatorio ou un EU ETS mellor enmarcado para aumentar a demanda de uso de materiais circulares e enviar sinais fortes ao mercado”.
Así mesmo, resulta esencial garantir que se estableza o marco axeitado para acelerar a transición cara a unha economía circular e climáticamente neutra, á vez que se protexe a competitividade das industrias europeas intensivas en enerxía.
EuRIC confía en traballar co Parlamento Europeo e o Consello para apoiar unha implementación ambiciosa do Paquete Fit for 55.
Fonte: EuRic
Imaxe: Pexels