- Apunta a que unha reciclaxe máis avanzada debe complementarse coa prevención para cumprir o obxectivo de duplicar a proporción de residuos reciclados no uso de materiais para 2030
Cerceda, a 12 de xullo de 2023.-Unha recente avaliación da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) mostra que o ritmo do progreso cara ao cumprimento de obxectivos de reciclaxe contemplados no Plan de acción de Economía Circular debe acelerarse, prestando atención á prevención de residuos.
O informe da AEMA "How far is Europe from reaching its ambition to double the circular use of materials?" mostra que, en 2021, ao redor do 11,7 % de todos os materiais utilizados na UE procedían de residuos reciclados, fronte ao 8,3 % en 2004.
Se ben é certo que unha reciclaxe máis avanzada acelerará este progreso, resulta necesario que se complemente coa prevención para cumprir o obxectivo de duplicar a proporción de residuos reciclados no uso de materiais para 2030.
A AEMA apunta a que se podería lograr un achegamento ao obxectivo aumentando a taxa de reciclaxe de todos os residuos tratados do 40 % actual ao 70 %, diminuíndo os insumos totais de materiais nun 15 % e reducindo a cantidade de combustibles fósiles utilizados nun 34 %.
Ademais, sinala que debe prestarse especial atención aos minerais non metálicos, como os materiais de construción, xa que representan aproximadamente a metade de todos os utilizados na UE. Igualmente, e desde unha perspectiva ambiental, entende que tamén sería beneficioso centrar os esforzos nos materiais con maiores impactos negativos na súa produción, especialmente os combustibles fósiles e a biomasa.
Seguimento
A prevención de residuos constitúe unha das estratexias crave para lograr unha economía circular porque pode reducir o uso de recursos, maximizar a vida útil de produtos e materiais, e promover a demanda de produtos máis sostibles. Con todo, continúa a ser difícil establecer un vínculo entre as políticas de prevención e xeración de residuos na UE.
A análise da AEMA "Tracking waste prevention progress" propón un novo conxunto de indicadores dedicados ao seguimento da prevención centrados nos impulsores da xeración de residuos, os habilitadores de políticas de prevención e os resultantes da diminución de refugallos e emisións.
Actualmente, case todos os Estados membros da UE teñen algúns obxectivos e indicadores cuantitativos, pero estes varían amplamente. Establecer obxectivos de prevención de residuos a nivel da UE tamén pode axudar a concretar a dirección e un obxectivo para a medición, e fortalecer as obrigacións en materia de redución.
A Comisión Europea publicou un marco de seguimento revisado da economía circular que permite coñecer o progreso na transición cara a mesma e considera como pode contribuír á neutralidade climática, a resiliencia e a sostibilidade global.
Fonte e imaxe: AEMA