- No mesmo inclúense novos indicadores sobre pegada material, produtividade dos recursos, pegada de consumo, emisións de gases de efecto invernadoiro das actividades produtivas e dependencia material
Cerceda, a 31 de maio de 2023.-Eurostat publicou o marco revisado de seguimento da economía circular da Unión Europea (o primeiro data de xaneiro de 2018), sendo o seu obxectivo ofrecer unha visión global, medindo os beneficios directos e indirectos da crecente circularidade.
Baseado nas prioridades da economía circular no contexto do Pacto Verde Europeo, o oitavo programa de acción ambiental, a axenda 2030 para o desenvolvemento sostible e os obxectivos de seguridade da subministración e resiliencia da UE, consta de 11 indicadores agrupados en 5 dimensións: 1) produción e consumo, 2) xestión de residuos, 3) materias primas secundarias, 4) competitividade e innovación e 5) sostibilidade e resiliencia mundiais, e inclúe outros novos tales como:
- Pegada material: mide o uso xeral dos materiais e reflicte a cantidade de materiais incorporados no consumo global, incluídas as mercadorías importadas;
- Produtividade dos recursos: mide a cantidade do PIB procedente do uso de materiais e demostra a eficiencia do uso de materiais na produción de bens e servizos;
- Pegada de consumo: compara o consumo cos límites do planeta en función de 16 categorías de impacto baseadas nunha avaliación do ciclo de vida e segundo os 5 ámbitos principais de consumo (alimentos, mobilidade, vivenda, enseres domésticos e aparellos electrónicos);
- Emisións de GEI derivadas das actividades de produción: mide as emisións de GEI procedentes dos sectores de produción (polo que non se inclúen as emisións dos fogares) e reflicte a contribución da economía circular á neutralidade climática;
- Dependencia dos materiais: mide a proporción de materiais importados sobre o uso global dos mesmos, detalla canto depende a UE das importacións de materiais e reflicte a contribución da economía circular á seguridade da subministración de materiais e enerxético e á autonomía estratéxica aberta da UE 15 .
Así mesmo, para a revisión do marco de seguimento tivéronse en conta as respostas á consulta pública sobre a convocatoria de datos, así coma os debates cos representantes dos Estados membros e os expertos das partes interesadas.
Este novo marco mostra, por exemplo, que o número de patentes rexistradas na UE sobre reciclaxe e materias primas secundarias aumentou un 14 % entre 2000 e 2019. Ou que en 2021 había 4,3 millóns de postos de traballo nos sectores económicos relevantes para a economía circular, un aumento de 11% en comparación con 2015, ou que as emisións de GEI da UE das actividades de produción diminuíron ao redor dun 25% entre 2008 e 2021.
A maioría dos indicadores, aínda que non todos, baséanse en estatísticas oficiais facilitadas por Eurostat e todos eles cumpren os criterios de pertinencia, aceptación, credibilidade, facilidade de uso e solidez.
O marco fundaméntase en gran medida en estatísticas de alta calidade dispoñibles para todos os Estados membros da UE, principalmente no uso de datos do Sistema Estatístico Europeo e da comunidade de investigadores. Cando proceda, a Comisión, en cooperación coas partes interesadas pertinentes, investigará o uso de novas fontes de datos para mellorar o marco de seguimento no futuro.
Fuente: https://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/TXT/HTML/?uri=COM:2023:306:FIN