- Así se recolle nun estudo realizado por Ipsos en 31 países con motivo do Día da Terra 2022
- A esta medida séguenlle outras tales como evitar a compra de novos produtos, aforrar auga e enerxía na casa, e reciclar vidro, papel e plástico
- En canto á medida máis importante, non utilizar o coche, só o 15% da cidadanía afirma estar disposta a modificar este hábito
Cerceda, a 18 de maio de 2022.- No marco do Día da Terra 2022, Ipsos publicou os resultados dun estudo, realizado entre o 18 de febreiro e o 4 de marzo en 31 países, no que se revela que, se ben o cambio climático non é a principal preocupación da poboación, si se mantén no top 10 das principais inquietudes da cidadanía a nivel global.
O 68% da poboación mundial asegura estar preocupada polos efectos do cambio climático no seu país. En España, esta porcentaxe sobe ao 77%, sendo o segundo país europeo máis preocupado por este asunto, só por baixo de Italia (79%). Así mesmo, e de media, 7 de cada 10 persoas en todo o mundo están preocupadas polo impacto do cambio climático noutros países.
A nivel mundial, a cidadanía é consciente da súa propia responsabilidade individual para frear o cambio climático. O 70% cre que, se non actuamos pronto, fallaríamos ás próximas xeracións, unha porcentaxe que aumenta en 4 puntos para o caso de España (74%). Con todo, a poboación considera que esta responsabilidade debe ser compartida coas empresas e os gobernos. A pesar disto, de media, só 4 de cada 10 persoas consideran que o goberno do seu país ten un plan claro sobre como traballar conxuntamente para facer fronte ao cambio climático (un 8% máis respecto ao 2021). Só algo máis da metade (57%) confía en que nos próximos 10 anos haberá avances significativos.
De media, o 68% da poboación mundial cre que a responsabilidade de empresas e gobernos neste asunto é similar. Ademais, considera que os sectores máis contaminantes son os que maior obrigación teñen de actuar para combater o cambio climático.
MEDIDAS PARA COIDAR O PLANETA
Aínda que a poboación parece estar cada vez máis concienciada sobre a urxencia de actuar con respecto á crise climática, descoñece cales son as medidas máis efectivas para coidar o planeta. Cando se lles pregunta polos cambios que probablemente realizarán durante o próximo ano, o 58% sinala, en primeiro lugar, evitar o exceso de envases, seguido de evitar comprar novos produtos (54%), aforrar auga (52%) e enerxía na casa (52%), e reciclar vidro, papel e plástico (50%).
Pola súa banda, a cidadanía española móstrase máis favorable a adoptar medidas como como evitar o exceso de envases (65%), aforrar enerxía na casa (59%), camiñar ou utilizar o transporte público (58%), evitar comprar novos produtos (57%) e aforrar auga (57%).
Reciclar (49%), apostar polas enerxías renovables (30%), reducir os envases (28%), comprar menos bens ou bens máis duradeiros (22%) e utilizar o transporte público (22%) son percibidas pola poboación como as accións máis efectivas para combater o cambio climático. En canto á medida máis importante, non utilizar o coche, só o 15% afirma estar disposta a modificar este hábito.
Compromiso RSE
Imaxe: Pixabay