- Ante un aforo de máis de 70 persoas, e arroupado polo propio alcalde do municipio, Alexander Doval, persoal técnico desta empresa pública explicou aos presentes a operativa a levar a cabo para obter un compost de alta calidade
- Sogama achegou ao ente local un total de 85 composteiros, cuxo destino son familias que habitan en vivendas rurais e que dispoñen de terreo no que aplicar o abono resultante, pechando así o ciclo de recuperación da materia orgánica en orixe
Cerceda, a 11 de novembro de 2024.- Logo da adhesión do Concello de Oroso ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, esta empresa pública, a solicitude do propio ente local, impartiu, no auditorio do centro cultural do municipio, e ante un aforo de máis de 70 persoas, un curso de formación, que estivo arroupado polo propio alcalde, Alexander Doval. Co mesmo pretendíase trasladar aos interesados as nocións básicas da operativa a fin de que puidesen obter un compost de alta calidade e, polo tanto, apto para ser aplicado na agricultura e a xardinería con garantías e sen restricións.
Persoal técnico de Sogama explicou de forma pormenorizada a operativa a seguir: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata os residuos que deben -e non deben- depositarse no mesmo, sen esquecer o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
O Concello será o encargado de facer un seguimento do programa para comprobar o correcto uso dos composteiros, dúbidas formuladas polos veciños, posibles limitacións coas que se poden atopar etc. O obxectivo desta iniciativa é recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente grazas a estes recipientes, que teñen capacidade para 400 litros e están fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Sogama achegou ao ente local un total de 85 composteiros, que en todo caso deben distribuírse entre familias que habiten en vivendas rurais e que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de recuperación da materia orgánica en orixe; un proceso que trae consigo incuestionables beneficios ambientais, económicos e sociais.
Saúdos, Departamento de Comunicación