- No marco do mesmo repartíronse 1.125 composteiros entre outras tantas vivendas de 79 concellos con poboación inferior aos 20.000 habitantes.
- Un dos requisitos para participar nesta iniciativa era que os potenciais usuarios non tivesen formado parte de campañas anteriores destas características e que dispuxesen dun pequeno terreo para aplicar o abono resultante.
- A asistencia técnica do programa realizou dúas visitas aos fogares adscritos: unha inicial, na que se entregou o composteiro, proporcionando as explicacións básicas e o material didáctico de apoio, e unha segunda de seguimento, resolvendo dúbidas e corrixindo posibles erros.
- En termos xerais, os veciños participantes valoraron de forma moi positiva a campaña, sendo conscientes da necesidade de involucrarse nunha xestión máis sostible dos residuos para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento circular.
Cerceda, a 22 de febreiro de 2019.- Unha edición máis, o balance do programa de compostaxe doméstica promovido pola Deputación de Ourense foi moi positivo. Desde o ano 2013, o ente provincial e Sogama viñeron colaborando estreitamente na instauración e estensión de prácticas de autocompostaxe en distintos municipios ourensáns a fin de lograr dous obxectivos primordiais: reducir a produción de residuos e, polo tanto, a cantidade de lixo a depositar polos cidadáns nos contedores verdes convencionais e, por outro, fomentar a reciclaxe, tanto da materia orgánica, recuperando así unha tradición arraigada no rural galego, como do resto de materiais.
A edición 2018 contemplou a distribución de 1.125 composteiros entre outras tantas vivendas unifamiliares pertencentes a 79 concellos con poboación inferior aos 20.000 habitantes.
Entre os requisitos esixidos, figuraban non ter formado parte de campañas anteriores de aucompostaxe, dando así a posibilidade de acceso ao programa por parte de novos veciños, e que as vivendas participantes dispuxesen dun pequeno terreo no que aplicar o compost resultante, pechando así o círculo de recuperación da materia orgánica e devolvéndoa ao solo en forma de nutrientes.
A asistencia técnica desta iniciativa, Bruma Xestión Ambiental SL, foi a encargada de entregar os recipientes, así como o material didáctico de apoio en cada fogar, realizando dúas visitas. Unha primeira, de posta en marcha, con explicacións personalizadas sobre a correcta ubicación do composteiro, técnica a aplicar e control da mestura en canto a osíxeno, temperatura e humidade. E unha segunda visita de seguimento e control, tamén casa por casa, para comprobar a operativa do usuario, resolver dúbidas e corrixir posibles erros.
Dado que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se se recupera en orixe, evitando o seu depósito nos contedores verdes convencionais, podería verse reducida a frecuencia de recollida e transporte do residuo xenérico por parte dos servizos municipais e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera, coa particularidade de que tamén se verían diminuídos o número de desprazamentos ao resto dos contedores de recollida selectiva por parte da veciñanza, pois materiais como os envases e o papel/cartón poden almacenarse varios días nos fogares sen risco de cheiros.
En termos xerais, os cidadáns participantes nesta iniciativa valoraron de forma moi positiva o seu alcance, sendo conscientes da importancia de participar activamente nunha xestión máis sostible dos residuos urbanos para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento circular.
Saúdos, Departamento de Comunicación