
- Nunha reunión mantida no Comité Económico e Social Europeo, abordaron as deficiencias na aplicación da lexislación e analizaron as barreiras regulatorias, a dixitalización e as estratexias para impulsar a sostibilidade na xestión dos residuos en Europa
Cerceda, a 10 de febreiro de 2025.- Organizacións tales como EuRIC, FEAD, MWE, CEWEP, CMRE, Eurocities e o CESE reuníronse o pasado 4 de febreiro no Comité Económico e Social Europeo para abordar as deficiencias na aplicación da lexislación europea en materia de residuos, á vez que debateron os desafíos a nivel local e comunitario.
Durante a apertura do evento, Paulina Dejmek Hack, xefa de Gabinete para a Economía Circular da comisaria Jessika Roswall, destacou o cambio nas actitudes sociais cara aos residuos, pero tamén aludiu ás barreiras persistentes. Por exemplo, que os materiais virxes continúan a ser máis económicos que os reciclados, que o mercado único da UE para a circularidade aínda non é plenamente eficaz e que as importacións de plástico barato seguen a socavar os esforzos de reciclaxe do bloque.
Xestión local dos residuos: barreiras e desafíos
O primeiro panel abordou os éxitos e desafíos da xestión local de residuos, contando para isto coa participación de Marek Kabacinski (Xestión Pública de Residuos de Cracovia), Benedita Chaves (LIPOR), Åsa Ågren Wikström (Consello do Condado da Rexión de Västerbotten, Suecia), Rait Pihelgas (Consello Municipal Rural de Järva e Asociación de Cidades e Municipios de Estonia) e Herwart Wilms (REMONDIS).
Os relatores analizaron as barreiras que enfrontan as entidades públicas para implementar a lexislación de residuos da UE, entre elas, a presión derivada das novas obrigacións sobre recolección separada de residuos biolóxicos e téxtiles, os prolongados procesos de toma de decisións, os procedementos de permisos, a falta de financiamento para infraestruturas de alta tecnoloxía e a incerteza regulatoria.
Tamén se destacou a importancia de concienciar á cidadanía e fomentar a prevención de residuos, así como a necesidade dunha maior colaboración entre os sectores público e privado.
A sesión sobre políticas circulares para a autonomía enerxética e material arrincou cunha conferencia maxistral de Matthias Back Kirkegaard (Representación Permanente de Dinamarca ante a UE), quen recoñeceu os desafíos aos que se enfronta o mercado da economía circular en Europa e destacou os chamamentos das partes interesadas a favor dunha maior competitividade e simplificación da regulación, tanto a nivel da UE coma dos Estados membros.
En defensa dos obxectivos do Pacto Verde
No segundo panel, dirixido por Aurel Ciobanu-Dordea, director de Economía Circular da Comisión Europea, este incidiu na necesidade de axustar as mensaxes para defender os obxectivos do Pacto Verde, apoiar a descarbonización e fortalecer a competitividade da industria europea.
Así mesmo, sinalou que o próximo Pacto Industrial Limpo incluirá medidas para abordar unha das principais barreiras a estes obxectivos como é o elevado prezo da enerxía, que amplía a brecha de custos entre os materiais secundarios e primarios.
Como medidas prioritarias destacou a introdución de criterios de fin de residuo (EoW), a redución de vertedoiros, a mellora da recollida selectiva e a facilitación do acceso a materiais reciclados, antes de avanzar na integración de principios de circularidade noutras lexislacións.
Coa participación de Olivier François (EuRIC), Claudia Mensi (FEAD), Paul de Bruycker (CEWEP) e Matthias Back Kirkegaard, o segundo panel abundou na necesidade de incrementar a taxa de uso circular de materiais (CMUR) na UE, actualmente en torno ao 12%, e de recoñecer o papel da industria de xestión e reciclaxe de residuos na sostibilidade do bloque.
Os panelistas destacaron que a lexislación europea debería incentivar a recuperación de materiais e enerxía, o aforro enerxético e a redución de emisións para fomentar a innovación e consolidar unha economía circular competitiva.
Así mesmo, sinalaron que, na procura de autonomía en materias primas, Europa debe recoñecer que non pode producir todas o CRM por si soa e que, polo tanto, necesita a cooperación con mercados e aliados externos.
A xornada concluíu cunha presentación a cargo de Zsolt Kükedi, relator do CESE, quen destacou que o evento reafirmou a importancia da colaboración entre sectores e a necesidade de recuperar a competitividade sen comprometer o medio ambiente.
Fonte e imaxe: Retema