- Un técnico ao servizo desta empresa pública impartiu en días pasados un curso presencial a fin de explicar a operativa a seguir por parte dos veciños adscritos a esta iniciativa.
- Recentemente, sumáronse a este programa 30 fogares, aos que se entregou de forma gratuita outros tantos composteiros. Tendo en conta partidas anteriores, xa son 184 as familias que compostan os seus residuos orgánicos.
Cerceda, a 2 de novembro de 2020.- Trala entrega gratuita, por parte de Sogama, de 30 novos composteiros ao Concello lucense de Burela para distribuír entre outras vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo no que aplicar o abono resultante, un educador desta empresa pública impartiu en días pasados un curso de formación no Salón de Conferencias (Antiga Biblioteca Municipal) coa pretensión de explicar de forma pormenorizada a técnica a seguir, resolver as dúbidas suscitadas polos asistentes e corrixir posibles erros.
De aí que, ademais das 30 familias ás que se estendeu esta iniciativa, tamén se invitou a aquelas que levan tempo autoxestionando a súa materia orgánica en orixe, sumando a día de hoxe 184 os fogares que participan activamente neste programa.
Adicionalmente, os usuarios recibiron uns manuais didácticos de apoio nos que se describen os pasos a dar para obter un compost de calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente e que, en consecuencia, poida ser utilizado na agricultura con garantías e sen restricciones.
En todo caso, trátase de recuperar unha práctica tradicional no medio rural galego (segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost), pero dunha forma máis cómoda e hixiénica grazas á dotación dun composteiro, con capacidade para 390 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables, que acelera o proceso de fermentación da materia orgánica, debendo encargarse os veciños de vixiar e controlar parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Así mesmo, os interesados teñen á súa disposición un sitio web específico www.compostaconsogama.gal a través do cal poderán complementar e reforzar os seus coñecementos neste ámbito e acceder a recursos divulgativos e lúdicos.
A día de hoxe, Sogama repartiu oun total de 3.077 composteiros entre 75 entidades da provincia de Lugo (41 Concellos, 27 centros educativos e 7 colectivos sociais).
Saúdos, Departamento de Comunicación