- Este concello coruñés está adscrito ao programa de compostaxe doméstica liderado por la Sociedade Galega do Medio Ambiente en Galicia
- O curso realizarase o vindeiro sábado, 8 de xaneiro, na nave do Mercado, e no mesmo poderán participar os veciños que, voluntariamente, participan nesta iniciativa
Cerceda, a 5 de xaneiro de 2022.- Familias do concello de Moeche (A Coruña), adscrito ao programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama en Galicia, recibirán un curso de formación na autoxestión da materia orgánica o vindeiro sábado, 8 de xaneiro.
A sesión terá lugar, ás 11:30 h, na nave do Mercado (Recinto Feiral de San Ramón). Aquí daranse cita representantes das 45 vivendas unifamiliares que, voluntariamente, participan nesta iniciativa co obxectivo de reducir a produción de residuos nos fogares e obter un abono de alta calidade a través da fermentación controlada da parte orgánica, que representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo.
Educadores de Sogama explicarán todas as fases da operativa, desde a propia localización do composteiro, con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables, que debe estar en contacto directo coa terra para permitir a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata o control de parámetros que intervirán de forma decisiva na calidade do compost resultante, como é o caso da temperatura, o osíxeno e a humidade.
Basicamente, trátase de recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación de restos orgánicos para abono e/ou alimento do gando, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente.
Persoal designado polo concello será o encargado de facer un seguimento do programa a fin de avaliar a súa acollida e satisfacción por parte da veciñanza.
Máis información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación