- Con eles pretende enxalzar o labor dos oficiais de campo, persoas e institucións nacionais ou rexionais que teñan contribuido de xeito excepcional á seguridade alimentaria e ao obxectivo mundial da Fame Cero.
Cerceda, a 13 de febreiro de 2019.- A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación – FAO- convoca, un ano máis, os premios “B.R. SEN” e “JACQUES DIOUF”.
Mediante estes galardóns, a devandita institución pretende recoñecer o labor de persoas e institucións que se tiveran destacado pola súa especial contribución en materia de seguridade alimentaria ou á consecución do obxectivo mundial da Fame Cero.
Co premio “B.R. Sen”, instituído en 1968 e que leva o nome do que fora Director Xeneral da FAO entre 1956 e 1967, esta organización das Nacións Unidas distingue aos seus oficiais de campo que tiveran actuacións sobresaíntes durante as súas misións, contribuíndo de xeito destacado ao progreso dos países aos que foron destinados, en especial en materia de agricultura sostible, desenvolvemento rural ou seguridade alimentaria, mediante a introdución de innovacións técnicas, melloras administrativas ou institucionais, descubrimento de novos recursos, etc.
O gañador do premio será galardoado cunha medalla gravada co seu nome, un pergamiño no que se detallan os seus méritos e un premio de 5.000 dólares en metálico.
A través do premio “Jacques Diouf”, que se outorga cada dous anos, desde que en 2011 fora instituído en honra ao Dr. Jacques Diouf, antigo Director Xeral da FAO, quen se caracterizou pola súa incansable loita contra a pobreza, a fame e a malnutrición, recoñécese o labor de persoas ou institucións nacionais ou rexionais que teñan efectuado unha importante contribución á seguridade alimentaria no mundo, loitando de xeito eficaz contra a fame e a malnutrición.
O gañador recibirá unha medalla gravada co seu nome, un pergamiño no que se describen os seus méritos e un premio en metálico de 25.000 dólares.
O prazo para a presentación de candidaturas finaliza o próximo 28 de febreiro.
Ambos premios serán entregados nunha cerimonia especial que terá lugar na sede da FAO.
Fonte: FAO
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación