- GloLitter está focalizado na diminución do uso de plásticos por parte da industria marítima e portuaria, así como na identificación de oportunidades para reciclalos e salvagardar os recursos mariños costeiros e globais.
Cerceda, a 10 de maio de 2021.- A Organización das Nacións Unidas para a Agricultura (FAO) e a Organización Marítima Internacional (OMI) lideran un proxecto que, baixo a denominación GloLitter, está orientado a diminuír o uso de plásticos na industria marítima e portuaria, así como a identificar oportunidades para reciclalos, protexer a contorna mariña e os medios de subsistencia.
A iniciativa axudará ao sector a aplicar as mellores prácticas para a prevención e redución do lixo plástico mariño nun intento por salvagardar os recursos mariños costeiros e globais. Tamén examinará a dispoñibilidade e a situación das instalacións portuarias, e articulará os mecanismos necesarios para sensibilizar aos sectores do transporte marítimo e a pesca, incluídos os mariños e pescadores, promovendo o marcado das artes de pesca para poder rastrexalas ata o seu propietario se se descartan ou se perden no mar.
GloLitter busca dar cumprimento ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 14 da Axenda 2030 das Nacións Unidas, cuxo compromiso é previr e reducir a contaminación mariña, así como conservar e utilizar os océanos de forma sostible.
Así mesmo, promoverá o cumprimento dos instrumentos pertinentes da FAO, incluídas as Directrices voluntarias para o marcado de artes de pesca e a Iniciativa mundial sobre as redes pantasma, é dicir, aquelas que son abandonadas e representan unha ameaza para a vida mariña.
Pola súa banda, a OMI alentará aos países a considerar as regulacións do Anexo V do Convenio Internacional para a Prevención da Contaminación, que prohibe a descarga de plásticos (incluídos as artes de pesca) dos buques ao mar.
Igualmente, a dispoñibilidade e adecuación das instalacións portuarias de recepción de refugallos e a súa conectividade cos sistemas nacionais de xestión dos mesmos, constitúen accións contempladas no proxecto.
Dez países foron confirmados como socios principais e outros 20 como socios do proxecto. Os socios principais asumirán roles de liderado nas súas respectivas rexións.
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels