- En días pasados, Qu Dongyu e Frans Timmermans mantiveron unha reunión virtual na que puxeron de manifesto a necesidade de contar con sistemas alimentarios innovadores e respectuosos co medio ambiente.
- Ambos dirixentes solicitarán aos seus respectivos equipos que colaboren estreitamente na preparación de propostas de traballos conxuntos para levar á práctica o Pacto Verde Europeo nalgúns países piloto, protexer a biodiversidade, velar pola seguridade alimentaria e ingresos dignos para os agricultores e poñer a disposición destes a agricultura de precisión.
Cerceda, a 13 de xullo de 2020– En días pasados, Qu Dongyu, Director Xeral da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), e Frans Timmermans, vicepresidente executivo da Comisión Europea para o Pacto Verde Europeo e Comisario de Acción polo Clima e Enerxía, conversaron vía telemática sobre a necesidade de contar con sistemas alimentarios innovadores e respectuosos co medio ambiente, concluíndo que, para lograr este obxectivo, faise necesario dispoñer de políticas concretas cos incentivos axeitados.
Qu reiterou o interese da FAO no Pacto Verde Europeo a fin de alcanzar sistemas alimentarios sostibles a escala mundial. Asegurou que, para isto, non só se necesitan solucións técnicas e dixitais, senón tamén decisións políticas clave e esforzos de colaboración entre os sectores ambiental e agrícola.
Ambos dirixentes solicitarán aos seus respectivos equipos que colaboren estreitamente na preparación de propostas de traballos conxuntos para levar á práctica o Pacto Verde Europeo nalgúns países piloto, protexer a biodiversidade, velar pola seguridade alimentaria e ingresos dignos para os agricultores e poñer a disposición destes a agricultura de precisión. É o caso do uso de datos obtidos por teledetección en traballos encamiñados a axudar a reducir o uso de auga e fertilizantes, así como a aproveitar a enerxía solar e eólica para a agricultura verde dixital.
Timmermans puxo en valor á FAO como asociado de gran interese no ámbito europeo e expresou o seu desexo de reforzar a colaboración entre ambas entidades no marco da Estratexia sobre Biodiversidade e a Estratexia “Da Granxa á Mesa”. Así mesmo, aludiu á necesidade de lograr que a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Clima (COP 26), e que se celebrará en Glasgow o próximo ano, sexa un éxito.
Ambas partes acordaron proseguir a súa cooperación a fin de ofrecer cadeas de valor sostibles aos pequenos produtores e difundir normas e as mellores prácticas para unha alimentación e unha agricultura sostibles.
Fonte: FAO
Imaxe: Pixabay