- O principal obxectivo desta Estratexia é crear un marco coherente e unha visión para a transición do sector téxtil en 2030
- O contido reciclado obrigatorio desencadeará os investimentos necesarios e apoiará o obxectivo da CE de alentar ás empresas para priorizar os seus esforzos na reciclaxe de fibra a fibra
Cerceda, a 5 de maio de 2022.- A Asociación Europea de Xestores de Residuos (FEAD) acolle con satisfacción a Estratexia da UE para Téxtiles Circulares e Sostibles, presentada o pasado 30 de marzo pola CE como parte dun paquete para facer que os produtos sostibles sexan a norma no continente, creando para isto un marco coherente e unha visión para a transición do sector téxtil en 2030.
FEAD apoia firmemente a introdución de requisitos vinculantes de deseño ecolóxico específicos do produto para aumentar o rendemento dos téxtiles en termos de durabilidade, reutilización, reparabilidade, reciclabilidade e a introdución do contido obrigatorio de fibra reciclada.
Así mesmo, manifesta que se deben realizar esforzos significativos en investigación e innovación durante os próximos anos, xa que a reciclaxe de téxtiles aínda está nos seus comezos, especialmente en relación á fibra reciclada.
O contido reciclado obrigatorio desencadeará os investimentos necesarios e apoiará o obxectivo da Comisión de alentar ás empresas para priorizar os seus esforzos na reciclaxe de fibra a fibra. Igualmente, os criterios de obrigado cumprimento para a contratación pública ecolóxica de téxtiles tamén contribuirán a aumentar a súa reciclabilidade e a compra de téxtiles reciclados.
Pola súa banda, a introdución de requisitos de responsabilidade ampliada do produtor (REP) con modulación ecolóxica das tarifas como parte da próxima revisión do Directiva marco sobre residuos en 2023, tamén axudaría a incentivar a recollida selectiva, a clasificación, a reutilización, a preparación para a reutilización e a reciclaxe.
A reciclaxe de téxtil resulta clave para aforrar recursos neste sector, preservar o valor dos materiais e fomentar unha economía circular. Neste sentido, o desenvolvemento dun mercado resulta esencial. A tendencia mundial actual cara á "moda rápida", cunha produción téxtil sobreabundante e de moi baixa calidade, representa un gran obstáculo para unha maior reciclaxe que debe abordarse a nivel da UE.
EXPORTACIÓN
En canto aos envíos de residuos, a UE debería establecer un mecanismo de control efectivo para as exportacións de téxtiles usados co fin de evitar envíos ilegais e garantir procesos de reciclaxe/recuperación ambientalmente axeitados fóra da UE.
É necesario desenvolver criterios específicos a nivel da UE para distinguir entre residuos e certos produtos téxtiles de segunda man, e evitar así que os fluxos de residuos se etiqueten falsamente como bens de segunda man cando se exportan desde a UE, eludindo desta forma o réxime de residuos.
As exportacións de residuos téxtiles a países non pertencentes á OCDE deben seguir condicións que aseguren unha xestión sostible en virtude do Regulamento de envío de residuos.
Fonte: FEAD
Imaxe: Pixabay