- As operacións de reciclaxe e recuperación aforran recursos materiais, enerxía e emisións de CO2 ao evitar a extracción, o procesamento e o uso de materias primas virxes e combustibles fósiles
- Actualmente, as plantas europeas WTE "poden subministrar electricidade a 18 millóns de habitantes e calor a 15,2 millóns"
- A asociación demanda á UE que recoñeza a valorización enerxética da fracción non reciclable como unha actividade que contribúe substancialmente á transición cara a unha economía circular
Cerceda, a 19 de setembro de 2022.- Ante a crise enerxética que está a sufrir Europa, FEAD (Asociación Europea de Xestión de Residuos) asegura que o sector dos residuos podería xogar un “papel fundamental” para reducir en boa medida a dependencia da UE dos combustibles fósiles e facer fronte á crise climática, toda vez que aínda non chegou á súa “plena capacidade” de produción e aforro de enerxía.
A asociación manifestou que o sector está en condición de contribuír a cumprir os obxectivos da UE porque as operacións de reciclaxe e recuperación aforran recursos materiais, enerxía e emisións de CO2 ao evitar a extracción, o procesamento e o uso de materias primas virxes e combustibles fósiles. Neste sentido, indica que, actualmente, as plantas europeas WTE "poden subministrar electricidade a 18 millóns de habitantes e calor a 15,2 millóns".
Así mesmo, asegura que apoiar a produción de electricidade e calor a través da valorización enerxética e a dixestión anaerobia, permitiría a Europa "diversificar" a súa subministración de enerxía, especialmente con respecto ás redes urbanas de calefacción e refrixeración, proporcionando enerxía de forma local, fiable e segura, "acelerando o despregamento de enerxía renovable".
Desta forma, FEAD pediu que se recoñezan as “contribucións positivas” do sector e que sexa elexible para “calquera ferramenta regulatoria relevante”. Entre outras cuestións, demanda á UE que recoñeza a valorización enerxética da fracción non reciclable como unha actividade que contribúe substancialmente á transición cara a unha economía circular, e que implemente medidas que fomenten os mercados da recuperación e a reciclaxe.
Con sede en Bruxelas, FEAD representa á industria privada de xestión de residuos en toda Europa, incluídas 19 federacións nacionais e 3.000 empresas de xestión de residuos.
Fonte: FEAD
Imaxe: ESWET