
- A colaboración pretende promover un enfoque de economía circular, especialmente para os residuos de construción, que representan máis dun terzo de todos os xerados na UE
Cerceda, a 6 de marzo de 2025.- A Asociación Europea de Xestión de Residuos (FEAD) e a Federación Internacional de Reciclaxe (FIR) cooperarán para promover enfoques de economía circular no sector dos residuos minerais, o maior fluxo de residuos de Europa, impulsando a súa xestión e reciclaxe, e dando así debido cumprimento aos obxectivos europeos.
Os residuos minerais, en particular os de construción e demolición (RCD), desempeñan un papel crucial á hora de pechar o ciclo da cadea de valor da construción, xa que representan máis dun terzo de todos os residuos xerados na UE. En 2022 recicláronse 295 millóns de toneladas de áridos nos 27 Estados membros da UE.
Paolo Campanella, secretario xeral da FEAD, comenta que «unir forzas daranos a oportunidade de traballar en máis cuestións, tanto a nivel técnico como político. Os residuos minerais teñen un potencial significativo para os obxectivos de economía circular da UE e, xuntos, podemos compartir coñecementos e desenvolver estratexias para afrontar estes desafíos de fronte».
Para Geert Cuperus, secretario xeral de FIR, «a xestión e a reciclaxe dos residuos minerais son fundamentais para construír un futuro sostible. Xunto con FEAD, podemos poñer en común a nosa experiencia e aprender uns doutros para impulsar solucións innovadoras».
A través desta alianza, FEAD e FIR pretenden fomentar novas oportunidades para as industrias de xestión e reciclaxe de residuos. Grazas ao labor de promoción de FEAD e á experiencia técnica de FIR na materia, esta cooperación axudará a achandar o camiño para que a UE alcance os seus obxectivos de economía circular.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay