- BIR avoga tamén por unha serie de medidas como obxectivos obrigatorios de contido reciclado, máis ecodeseño, mecanismos e incentivos financeiros e restricións ás substancias perigosas
Cerceda, a 4 de novembro de 2024.- Durante a Convención da Federación Internacional da Reciclaxe (BIR), que tivo lugar en Singapur, recicladores de todo o mundo mostráronse preocupados polos insuficientes avances no Tratado Mundial sobre Plásticos que promove Nacións Unidas. De feito, lamentaron que os países «pouco ambiciosos» estean a retrasar o acordo sobre un instrumento xuridicamente vinculante e de que os produtores de plásticos petroquímicos estean a presionar para que se lles exima das medidas que teñen en conta o ciclo de vida completo dos plásticos.
Alev Somer, directora de Comercio e Medio Ambiente de BIR, referiuse ao crecente desfasamento entre a produción de plástico e a capacidade dos xestores de residuos e recicladores para procesalo, de aí a súa insistencia na necesidade dun tratado mundial xuridicamente vinculante. As negociacións comezaron en 2022 e están previstas cinco sesións, a última das cales terá lugar en Busan (Corea do Sur) en novembro. Prevese a súa firma para mediados de 2025.
BIR aliñouse cos países «altamente ambiciosos» que si queren un acordo vinculante, e demanda que se aborde todo o ciclo de vida, incluída a «produción insostible» de polímeros plásticos primarios. Tamén avoga por unha serie de medidas como obxectivos obrigatorios de contido reciclado, máis ecodeseño, mecanismos e incentivos financeiros e restricións ás substancias perigosas.
Preocupación e esperanza
Robin Wiener, presidenta da Asociación de Materiais Reciclados (REMA), con sede en EE.UU., subliñou a súa preocupación polas posibles consecuencias ou impactos non intencionados que podería ter un tope de produción pola súa posible redución da demanda de plástico reciclado. Tamén expuxo outras preocupacións como as barreiras ao comercio no mercado mundial, a necesidade de que as disposicións de Responsabilidade Ampliada do Produtor (RAP) non restrinxan de ningún xeito a infraestrutura de reciclaxe existente, e a reciclaxe química.
Sophie Sicard, directora adxunta de Desenvolvemento Sostible e Asuntos Públicos para Francia e Europa de PAPREC, sumouse ás opinións dos demais e mostrouse de acordo con Wiener sobre os perigos de que os sistemas de RAP inadecuados se convertan en monopolios ou en competidores dos recicladores.
Sicard sinalou que a Unión Europea abriu o camiño con niveis obrigatorios de contido reciclado nos novos produtos de plástico e prohibiu as exportacións de residuos plásticos a países non membros da OCDE. Pero, tal e como sinalou, a situación actual en Europa é de “caída da demanda e de desaceleración moi forte deste dinámico sector e de recorte dos investimentos”. Asegurou que «nestes momentos están a pechar empresas moi innovadoras e tamén nos enfrontamos a un aumento das importacións de plásticos reciclados procedentes do estranxeiro”, polo que Europa podería perder este liderado na reciclaxe de plásticos, “simplemente porque non funciona no aspecto económico”.
Max Craipeau, conselleiro delegado de Greencore Resources, afirmou que un tratado con requisitos xuridicamente vinculantes en materia de contido reciclado tería «un impacto positivo fantástico» para o continente asiático. «Sempre fun un gran defensor do contido mínimo reciclaxe e, na miña opinión, esta é a clave sen a cal a reciclaxe de plásticos nunca entrará a escala na economía», aseverou.
Sobre BIR
Fundada en 1948, a BIR foi a primeira federación que apoiou os intereses da industria da reciclaxe a escala internacional. Na actualidade, representa a máis de 30.000 empresas de todo o mundo, cunha membresía directa de máis de 1.000 empresas e 36 asociacións nacionais de 71 países. Xuntos, estes membros forman a federación internacional de reciclaxe máis grande.
A federación, con sede social en Bruxelas, ofrece un foro dinámico para que os seus membros compartan os seus coñecementos e experiencias. Serve como plataforma para establecer relacións comerciais exitosas e promover a reciclaxe entre outros sectores industriais e responsables da formulación de políticas.
Fonte e imaxe: BIR