- Aglutina xa a 35 empresas do sector e centrarase na reciclaxe de plásticos procedentes de vehículos ao final da súa vida útil (VFU), residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) ou ben os procedentes de explotacións agrícolas.
- Entre os obxectivos desta nova área atópanse, entre outros, fomentar a xerarquía de residuos, o ecodeseño e a economía circular dos produtos.
Cerceda, a 27 de xaneiro de 2020.- Tomando como referencia os esixentes obxectivos de reciclaxe impostos pola Comisión Europea para unha ampla variedade de residuos plásticos, a FER (Federación Española da Recuperación e a Reciclaxe) puxo en marcha unha nova división que aglutina xa a 35 empresas do sector e que se centrará na reciclaxe de plásticos procedentes de vehículos ao final da súa vida útil (VFU), residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) ou ben os procedentes de explotacións agrícolas.
Con esta nova División, en plena sintonía coa operativa da División de Residuos Plásticos de EuRIC (ERPB, nas súas siglas en inglés), preténdese abordar a problemática actual que entraña este fluxo de refugallos e aportar solucións innovadoras ligadas á economía circular.
Alicia García-Franco, directora xeral de FER, manifestou ao respecto que “Con esta División especializada en plásticos pretendemos dar unha maior difusión aos problemas que padecen as nosas empresas á hora de reciclar este material, así como aportar solucións reais para cumprir cos obxectivos aos que se comprometeu o noso país coa Unión Europea”, engadindo que “Desta forma preténdese tamén enviar unha mensaxe de que a industria da reciclaxe está preparada para facer fronte ao gran desafío que supón incrementar notablemente o reciclado deste material».
OBXECTIVOS
Os obxectivos cos que se crea esta nova área de actividade están dirixidos a converterse nun interlocutor directo coas distintas Administracións e outros axentes para estas fraccións de refugallos plásticos; fomentar a economía circular, a xerarquía de residuos e o ecodeseño dos produtos; afrontar problemáticas comúns dos xestores de residuos plásticos a nivel sectorial; promover alternativas para que se aumenten as cantidades de valorización das fraccións plásticas tratadas; propoñer unha fiscalidade adecuada aos residuos plásticos; asegurar que os novos produtos incorporen plástico que sexa reciclable e que, ademais, conteñan parte de plástico reciclado, e participar nas propostas lexislativas e de normalización deste material.
Fonte: FER
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación