- O seu presidente, Ion Olaeta, destacou o traballo esencial desenvolvido polas empresas recuperadoras ao longo da pandemia.
- Así mesmo, manifestou que “investir en reciclaxe é investir na modernización da economía española para facela máis competitiva e circular”.
- A industria española da reciclaxe está conformada por máis de 6.000 empresas e xera máis de 33.000 empregos directos, ascendendo o seu volume de negocio a máis de 10.000 millóns de euros.
Cerceda, a 19 de maio de 2021.- Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Reciclaxe (17 de maio), o presidente da Federación Española da Recuperación e a Reciclaxe (FER), Ion Olaeta, manifestou que esta data debe servir para “homenaxear a todas aquelas empresas que forman a industria da reciclaxe do noso país por levar a cabo un labor indispensable para alcanzar un desenvolvemento sostible e respectuoso co medio ambiente”
Segundo datos do INE correspondentes ao 2018, cada habitante xerou en España 391,3 quilos de residuos, polo que unha correcta xestión dos mesmos resulta clave para evitar que acaben en vertedoiro e, polo tanto, conseguir que unha elevada porcentaxe se recicle.
Así mesmo, destacou o traballo esencial desenvolvido polas empresas recuperadoras ao longo da pandemia. “Malia o enorme risco para a saúde e as graves consecuencias para a economía, os recicladores non deixaron de transformar residuos en materias primas secundarias para reintroducilas no ciclo produtivo, o que, sen dúbida, pon de relevo o orgullo que debemos sentir por todas e cada unha das persoas que traballan neste sector”.
Ion Olaeta tamén quixo incidir na importancia da reciclaxe para que España recupere a curto prazo o nivel de produción e volva á senda de investimento e crecemento potencial previos á pandemia: “Investir en reciclaxe é investir na modernización da economía española para facela máis competitiva e circular”.
Os novos instrumentos comunitarios de financiamento ‘Next Generation EU’, en liña co Plan de Acción de Economía Circular e o Pacto Verde Europeo, dotados con 140.000 millóns de euros en transferencias e créditos para o período 2021-2026, “son unha constatación de que urxe acelerar a transición cara á economía circular e, para isto, a industria da reciclaxe é e será clave”, concluíu.
A industria española da reciclaxe está conformada por máis de 6.000 empresas e xera máis de 33.000 empregos directos, ascendendo o seu volume de negocio a máis de 10.000 millóns de euros (o 1% do PIB).
Fonte e imaxe: FER