- Con esta iniciativa pretende facer máis visible a importancia da recuperación e a reciclaxe das diferentes tipoloxías de residuos que se xeran cada día
- O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 18 de maio
- Os interesados en participar poderán presentar as súas imaxes en tres categorías (Actividades, Residuos e Historia fotográfica do recuperador)
Cerceda, a 27 de abril de 2022.- A Federación Española da Recuperación e a Reciclaxe (FER) organiza unha nova edición do concurso fotográfico “Reciclando”, co que pretende facer máis visible a importancia da recuperación e a reciclaxe das distintas tipoloxías de residuos que producimos cada día.
Ao respecto, Ion Olaeta, presidente de FER, manifestou que “A nosa cada vez maior dependencia das materias primas está a provocar o esgotamento das minas, a colmatación dos vertedoiros e outros graves trastornos ambientais”, ao que engadiu que “a reciclaxe é un piar imprescindible no desenvolvemento dunha sociedade moderna que camiña cara a unha economía circular”.
CATEGORÍAS
O certame estrutúrase en tres categorías:
- “Actividades: os participantes deben captar o espírito e o esforzo no traballo diario da reciclaxe. Focalízase nos traballadores das plantas e nas actividades de empresas que xeren, xestionen ou reciclen residuos de calquera índole. Aquí valorarase o carácter innovador, creativo e orixinal da mensaxe trasladada a través da imaxe.
- “Residuos”: débese plasmar a idea de que moitos materiais, ao final da súa vida útil, lonxe de ser un problema, representan unha oportunidade e un recurso para a nosa sociedade. Tendo en conta a gran variedade de refugallos que xeramos, os candidatos teñen total liberdade para tomar instantáneas de residuos individuais, empaquetados, a granel, etc.
- “Historia fotográfica do recuperador”: poderanse presentar fotos antigas, históricas e recentes do sector da reciclaxe de residuos, desde os seus primeiros pasos ata o día de hoxe, con todo o desenvolvemento tecnolóxico.
Tal e como expresou o máximo responsable de FER, “É unha homenaxe visual a todos os que dedicaron e dedican a súa vida á recuperación e a reciclaxe”. Aquí, non só teñen cabida fotos de plantas, maquinaria e persoas, senón tamén calquera documento gráfico que poida interesar pola súa razón histórica ou nostálxica.
Os concursantes deberán encher o impreso de participación e cumprir coas bases do concurso.
O prazo de inscrición finaliza o próximo 18 de maio e os gañadores de cada unha das categorías daranse a coñecer o 25 de maio.
Fonte e imaxe: FER